O Consello Galego das Mulleres condena as gravacións de mulleres na Maruxaina

O órgano denunciou a "impunidade" coa que moitas veces levan a cabo este tipo de accións.

Desembarco da Maruxaina na repleta praia do Torno. PENÍNSULA DE LA PAZ/FACEBOOK

O Consello Galego das Mulleres condenou as gravacións a mulleres efectuadas durante a romaría da Maruxaina e publicadas posteriormente en webs de contido pornográfico.  O pleno deste órgano colexiado e de carácter consultivo, no que están representadas todas as consellerías ademais de asociacións, organizacións empresariais, sindicatos e federacións de mulleres, emitiu unha resolución para trasladar a súa repulsa por estes feitos.

En concreto, manifestou o seu “absoluto rexeitamento” polas gravacións a un total de 87 mulleres mentres ouriñaban durante a citada festividade, celebrada en agosto de 2019 en San Cibrao, e que terminaron colgados en páxinas pornográficas.

O xulgado de Viveiro decretou o arquivo provisional do caso, aínda que tanto a Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei), que exerce de acusación popular, como varias das afectadas a título particular impulsaron recursos para tentar que o proceso continúe.

A decisión do xuíz motivou a indignación dos veciños do municipio de San Cibrao e centos de persoas tomaron as rúas o pasado domingo para reclamar ao maxistrado que “recapacite” no arquivo do caso. Este mércores, o pleno do Consello Galego das Mulleres alertou de que os feitos atentan contra a dignidade e a intimidade das afectadas, e mostrou o seu incondicional apoio ás prexudicadas polo dano moral causado.

O órgano denunciou a “impunidade” coa que moitas veces levan a cabo este tipo de accións e contra a que a sociedade “ten que loitar con todas as armas legais que teña ao seu alcance”.

PACTO DE ESTADO

Por todo iso e á espera de que se resolva definitivamente o proceso e a decisión sobre os recursos presentados, o Consello Galego das Mulleres solicita ao Estado ao desenvolvemento urxente das medidas do Pacto contra a Violencia de Xénero que perseguen a erradicación deste tipo de prácticas.

Entre elas, engade, atópase a posta en marcha dun sistema de coordinación, cooperación e corregulación entre as forzas e corpos de seguridade, empresas de telecomunicacións e provedores de contidos dixitais para eliminar referencias nocivas en webs que provocan vexación ou violencia contra as mulleres.

O sindicato UGT, pola súa banda, trasladou o seu apoio ao texto da resolución emitido por este órgano ante a difusión destes vídeos que teñen “carácter humillante, vejatorio e atentatorio contra a honra e a integridade moral” das mulleres.

As MULLERES NO TIC

A reunión deste mércores estivo presidida pola conselleira de Emprego e Igualdade, Maria Jesús Lorenzana, que propuxo elaborar un estudo detallado do papel das mulleres ante as tecnoloxías da información (Tics) para profundar na brecha tecnolóxica e achegar solucións de capacitación para mellorar a empregabilidade.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here