A diagnose de oposición e plataforma: “o PP vende metros cadrados, pero nin un servizo sanitario novo”

PSdeG e BNG falan de "bulo propagandístico" de Feijóo e o colectivo pola sanidade pública reivindica "a mobilización social fronte ás promesas incumpridas" sobre a ampliación do hospital

Feijóo, con persoal do hospital durante a súa visita do mércores a Burela. AXM

A visita o pasado mércores do presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, ao Hospital Público da Mariña para coñecer as instalacións resultantes da primeira fase de ampliación do centro, desatou ao longo deste xoves reaccións por parte de partidos políticos e asociacións.

O PSdeG fala de “bulo propagandístico” e do remate dunhas obras “que se demoraron dez anos”.

O secretario xeral dos socialistas en Lugo, Álvaro Santos Ramos, sinala que “as obras non supoñen nin un só servizo sanitario novo” e enumera problemas asistenciais no centro.

No hospital temos 30 pacientes por unha soa enfermeira, tres celadores para atender de noite Urxencias, UCI, partos e quirófanos. Non hai servizo propio de oncoloxía nin de xeriatría. As resonancias fanse unha vez ao ano nun camión. Os veciños da Mariña teñen que desprazarse a Lugo para cambiar as pilas do marcapasos”, lembra o dirixente do PSdeG.

Santos Ramos cuestiona tamén a data anunciada por Feijóo –verán do 2019– para o remate da segunda fase da ampliación. “Non o veremos antes de 2024”, asegura.

BNG

Pola súa banda, o BNG coincidiu na diagnose. “O PP vén vendernos máis metros cadrados, pero non máis servizos”, afirma a coordinadora dos nacionalistas na Mariña, Ana Ermida.

Ermida lembra que Feijóo prometeu que o centro hospitalario mariñao “tería servizos coma o de Lugo”, o que non se corresponde “con derivacións constantes á capital de provincia e á privada”.

A voceira do BNG sostén que a ampliación do Hospital da Costa “conseguiuse a partir da mobilización social”.

PLATAFORMA

Neste senso, a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña felicita “á veciñanza da Mariña Lucense polo logro que supuxo a longa e intensa loita que se materializou na ampliación de espazos”.

A plataforma sanitaria lamenta “as descalificacións e promesas incumpridas por parte do Goberno galego, que sempre coincidían con períodos electorais”.

O colectivo lembra que “desde o 2009, a bisbarra desenvolveu unha mobilización social para reclamar a máis que necesaria ampliación do hospital, que debe ir acompañada de novos servizos e prestacións e non só de metros cadrados”.

Por iso, a agrupación resalta que “continuaremos coa mobilización social”, porque non temos constancia de que se vaia dotar ao hospital de novos servizos, nin dos aparellos para diagnóstico radiolóxico, que se está a facer con unidades móbiles, nin do incremento de persoal, imprescindible”.

PP: “DEMOSTRACIÓN DE COMPROMISO”

Pola súa banda, o presidente da xestora do PP de Burela, Manuel Rouco, considera que “a presenza de Feijóo no hospital demostra o seu compromiso coa sanidade pública e coa Mariña”.

O dirixente popular afirma que a ampliación “supón contar cun novo hospital” e reivindica a actuación do PP.

“Isto foi posible grazas a que o anterior goberno municipal, do PP, que aprobou o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que non contou co apoio do PSOE”, reivindicou Rouco. 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here