A Mariña, inicio da travesía náutica Xacobea Navega o Camiño

Entre as embarcacións participantes tamén se atopa unha pertencente ás asociacións organizadoras e integrada por unha tripulación maioritariamente feminina liderada pola gañadora dunha medalla olímpica Ángela Pumariega

Rosa Quintana, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, presentará antes os medios a travesía náutica xacobea Navega o Camiño / Xunta

Ribadeo será o incio da travesía náutica xacobea Navega o Camiño, que se celebrará entre os días 11 e 19 de xuño e constará de sete etapas nas que os barcos participantes pasarán por 15 dos 30 portos deportivos vencellados coa ruta marítima a Santiago. A travesía transcorrerá desde Ribadeo ata o río Ulla, chegando a Padrón en catamarán e completando a pé o último tramo do camiño ata Santiago.

Con esta iniciativa, a Xunta tenta reactivar o sector náutico galego para que poida recuperar os niveis de actividade previos á alerta sanitaria polo coronavirus. Durante a presentación do evento, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou o papel que terá Navega o Camiño nese obxectivo pois “trátase dunha ruta por mar consolidada que vai xa pola sexta edición”.

Nesta edición está previsto que participen os barcos das entidades organizadoras -NorthMarinas, Asnauga e Mariñas de Galicia-, un barco de vela adaptado coordinado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e un barco oficial da Xunta de Galicia no que viaxarán xornalistas especializados en turismo de medios españois e europeos para promocionar a costa e as instalacións portuarias galegas e impulsar a incorporación de perfís de navegantes da náutica de recreo.

Entre as peculiaridades da edición deste ano, a conselleira do Mar tamén destacou a reivindicación do papel da muller na práctica náutica. Neste sentido, explicou que un dos barcos das asociacións organizadoras contará coa gañadora dunha medalla olímpica Ángela Pumariega, que liderará unha tripulación composta maioritariamente por mulleres.

A representante do Executivo galego salientou que Galicia é un destino seguro tamén por mar e que a rede autonómica de portos deportivos e instalacións náuticas adquire neste momento un valor estratéxico tanto para a promoción turística de Galicia como para a conmemoración do fito xacobeo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here