O Parlamento aproba unha iniciativa do PSdeG para cubrir as vacantes de radioloxía do Hospital da Mariña

O Bloque Nacionalista Galego engadiu unha emenda para "incidir" na problemática do traslado das probas de cancro de mama, que o PSOE aceptou

Corredor do Hospital Público da Mariña. AXM

O Parlamento galego aprobou, por unanimidade, unha proposta non de lei do Partido Socialista pola que se solicita “cubrir as vacantes de radioloxía do Hospital da Mariña”.

A portavoz socialista de Sanidade, Patricia Otero, criticou o “ninguneo da Xunta coa sanidade mariñense” e destacou que a iniciativa xorde dos propios usuarios e dos traballadores do complexo “que non poden garantir unha atención adecuada”.

Segundo explicou Otero na comisión de Sanidade, das cinco prazas para radioloxía do hospital, só tres están cubertas. Uns profesionais que realizan ademais seis gardas localizadas ao mes. “A solución ofrecida pola Xunta é trasladar aos radiólogos ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), igual que co cribado de cancro de mama, e como pasou anteriormente coas colonoscopias”, lamentou.

A este respecto, o Bloque Nacionalista Galego engadiu unha emenda para “incidir” na problemática do traslado das probas de cancro de mama, que o PSOE aceptou. “Está claro que o PP non cre nos servizos públicos e que só cre nas políticas centralistas, xa non con Madrid, senón tamén coas grandes urbes respecto das provincias”, sinalou o portavoz nacionalista, Daniel Castro. “A consecuencia é unha sanidade de peor calidade, lonxe da xente e con maiores custos de transporte, de tempo e cunha maior incerteza”, lamentou Castro.

“ACTIVIDADE ORDINARIA”

Pola súa banda, a portavoz popular, Encarna Amigo, confirmou que o Servizo de Radioloxía do hospital “mantén a actividade ordinaria e a atención continuada, de forma que os pacientes da comarca nunca tiveron que desprazarse a ningún outro hospital para a realización de probas diagnósticas”.

A “única excepción”, puntualizou, que se puido dar son as mulleres do plan de cribado do cancro de mama que, “tras facer a mamografía na Mariña, e sempre por indicación dos propios sanitarios”, necesitan unha terceira proba específica que debe realizarse no Hospital de Lugo.

Respecto da ausencia de profesionais, Amigo achacouna a “a falta de médicos”. “Non hai radiólogos dispoñibles”, precisou a deputada, que resaltou que “o obxectivo da dirección do hospital e da xerencia da área Sanitaria do Sergas é cubrir axiña que sexa posible as prazas”.anización dos espazos nas estruturas existentes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here