Cervo adxudica a urbanización da vía que unirá Galdín e o centro de saúde de San Cibrao

O Concello espera que a obra, cun orzamento de 640.000 euros, alixeire o tráfico pesado que se dirixe ao polígono de Cuíña

Estrada que unirá a zona de Galdín e o centro de Saúde de San Cibrao. AXM

O Concello de Cervo adxudicou as obras de acondicionamento da rúa ubicada entre a Avenida Bellavista e a Avenida da Veiga, que conectará a zona de Galdín, onde se ubica o colexio de San Cibrao, co centro de saúde.

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, asinou este luns o contrato coa empresa adxudicataria, Ovisa Pavimentos y Obras S. L.

O orzamento ascenderá a 641.977 euros, procedentes da Xunta de Galicia, froito dun convenio subscrito no seu día coa Axencia Galega de Infraestruturas.

A vía suporá unha nova arteria de entrada e saída para a vila sancibrense. Terá unha lonxitude de 350 metros e unha anchura de doce, que favorecerá o dobre sentido da circulación.

Sinatura da adxudicación. AXM

VARIACIÓNS NO TRAZADO

O goberno local introduciu variacións no trazado orixinal da vía para evitar pendentes e “ofrecer unha saída funcional do polígono de Cuíña aos vehículos pesados, mentres a Deputación de Lugo non executa a avenida de acceso prometida”, expón Villares.

O proxecto inclúe aparcadoiros e beirarrúas en ámbolos dous lados da estrada e a construción dunha nova ponte sobre a vía do tren.

Ademais, levantaranse dúas glorietas -unha fronte ao centro de saúde e outra na zona de Galdín-, dotarase de nova iluminación á zona e de servizos de saneamento e recollida de pluviais.

INICIO DAS OBRAS

Unha vez asinado o contrato de adxudicación, o Concello espera que as obras comecen “nas vindeiras semanas“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here