Demite unha edil do PP de Viveiro pola xestión da Xunta da riada

O rebordamento do Fontecova afectou á familia de Chus Vale, que renuncia tras discrepar publicamente da liña argumental do seu partido

Vale, explicando as consecuencias da riada á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. AXM

A concelleira do Partido Popular (PP) en Viveiro María Jesús Vale presentou a súa demisión por discrepancias coa Xunta de Galicia e co partido conservador a nivel provincial con motivo da riada que asulagou Xunqueira.

A edil entrou na corporación de Viveiro en verán do 2014, en substitución do ex alcalde César Aja, e renovou o seu cargo nas eleccións municipais de 2015.

Vale argumentou que sinte “unha gran decepción coa xestión do Partido Popular provincial de Lugo, como coa xestión de Augas de Galicia dependente da Xunta de Galicia”.

“Son unha persoa con principios e que defende os seus ideais. E por tal motivo non me vexo motivada para seguir exercendo o cargo que ostento como concelleira do PP”, explicou.

“son unha persoa con principios e por iso non me vexo motivada para exercer o cargo”, expón

Así, presentou unha solicitude ao Pleno da Corporación para que admita o devandito cesamento.

DO LADO DOS VECIÑOS

As consecuencias da riada afectaron á familia de Vale, que vive no barrio de Xunqueira, onde o río Fontecova asulagou decenas de vivendas.

A concelleira respaldou a tese que defenderon moitos dos veciños, que culparon á unha deficiente limpeza da conca do río do rebordamento do mesmo.

a concelleira atribúe á falta de limpeza o rebordamento do fontecova, como argumentan os veciños

Augas de Galicia tivo varios requerimentos por parte do Concello e dos veciños para limpar o río e non o fixo. Estas son as consecuencias. Falo en contra do meu partido, pero digo o que penso”, explicou.

A XUNTA CULPA A CHUVIAS “EXTRAORDINARIAS”

A Xunta insistiu en atribuír a “chuvias extraordinarias, que se producen cada 500 anos” a catástrofe, que provocou a morte dunha muller.

Nunha recente visita a Viveiro para comprobar o estado da zona, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou que “en setembro, os técnicos de Augas de Galicia comprobaron que na zona non había obstáculos, senón herbáceas”.

RELEVO

Antonio Lage Seara, responsable de Novas Xeracións do PP en Viveiro, será o substituto da concelleira que vén de demitir.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here