As néboas do Fiouco e os experimentos “pioneiros” a nivel mundial para mellorar a condución

O delegado do Goberno destaca que as probas de O Fiouco servirán para achar solucións a un problema, o das néboas, que "non se dá en ningunha outra parte da rede de estradas e en poquísimos lugares do mundo".

Néboa no Fiouco. AXM

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reivindicou este martes a aposta do Goberno de España por facer da Autovía do Cantábrico (A-8) unha vía “segura e aberta totalmente ao tráfico” coa implementación das solucións experimentais de apoio á condución e de minimización do impacto da néboa no Alto do Fiouco.

José Miñones asistiu este martes ao acto de finalización da fase de probas dos catro prototipos de medidas fronte á néboa que desenvolveu durante este verán o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana nun tramo anexo ao da vía na parte máis elevada entre Mondoñedo e A Xesta (Abadín). No acto estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

O delegado explicou que, unha vez rematada esta fase, o Ministerio de Transportes realizará unha avaliación dos resultados, “moi prometedores”, e analizará a súa idoneidade para resolver a problemática no Fiouco e decidir sobre a súa contratación e instalación final.

Na súa intervención, José Miñones puxo en valor a colaboración entre o Ministerio e o sector privado para achar solucións a un problema, o das néboas, que “non se dá en ningunha outra parte da rede de estradas e en poquísimos lugares do mundo”.

Así, destacou que é a sociedade a gañadora desta “carreira de solucións” na que, remarcou, se foi “man a man cos equipos de I+D das emrpesas do sector unindo forzas e vontade”.

PROTOTIPOS DE TECNOLOXÍA INNOVADORA

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) comezou este proxecto a finais de 2019 a través do sistema de ‘Compra Pública Precomercial (CPP) para o deseño, implementación e experimentación con prototipos de tecnoloxía innovadora relativa a sistemas de protección antinéboa na Autovía A-8, entre Mondoñedo e A Xesta’.

O importe do contrato ascendeu a 5,64 millóns de euros, cofinanciado nun 80% a través do Programa Innocompra do Ministerio de Ciencia e Innovación, mediante o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020 .

A contratación dividiuse en dous lotes: o lote 1, para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas de axuda á condución en situacións de néboa, e o lote 2, para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas que actúan contra a néboa mediante o seu illamento, eliminación ou desprazamento.

IMPACTO DAS BALIZAS LED

Na súa visita, o delegado do Goberno avanzou que nos próximos meses asistirase “a un salto cualitativo neste tramo, coa combinación dun ou varios dos dous sistemas técnicos” sometidos a proba, coas melloras da seguridade viaria que xa se están executando.

Así, lembrou que, desde 2015, o Goberno investiu máis de 10 millóns en diferences melloras na seguridade viaria deste tramo. E aos 5,6 millóns do proxecto do Ministerio de Transportes, súmanse 4,7 millóns investidos polo Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Tráfico, para diferentes sistemas de axuda á condución e de seguridade viaria.

En concreto, José Miñones remarcou que Tráfico esta agora rematando a instalación de 372 novas balizas tipo led no tramo que permitirán que o limiar mínimo de visibilidade, por baixo do cal se pecha o tramo á circulación, baixe dos 40 metros actuais aos 30 metros.

Apuntou que, agora, cando se alcanzan os 40 metros de limiar mínimo de visibilidade, o Centro de Xestión de Tráfico desvía automaticamente a circulación cara á N-634 desde a saída da Xesta ata Mondoñedo.

“Coas balizas novas operativas, Tráfico calcula que os peches se reducirán nun 78%, é dicir, a só unha de cada catro veces das que agora permanece pechada”, esgrimiu.

No que vai de ano o tramo permaneceu pechado ao tráfico en 69 ocasións. A unión destas medidas coas solucións técnicas que determine o Ministerio de Transportes, “non só reducirá os peches senón que, cando haxa néboa, os condutores e condutoras poderán dispor de máis referencias para ter unha travesía máis segura”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here