Comezan as reunións entre Concello de Ribadeo e Xunta para construír un novo centro de saúde

Segundo a Consellería de Sanidade o encontro avaliou os diferentes lugares onde se podería emprazar o novo centro sanitario en Ribadeo.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o alcalde do Concello de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz, manterán unha reunión no Edificio Administrativo do Sergas en San Lázaro

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse este mércores co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, para avanzar no proxecto de construción dun novo centro de saúde para este municipio.

Na xuntanza, á que asistiron a directora Xeral de Recursos Humanos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, a Xunta e o Concello avaliaron distintas posibilidades de parcelas dentro do municipio para a construción do novo centro de saúde deste concello.

Este centro de saúde aparece recollido na Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado outubro. O Goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de atención primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a construción dun novo centro de saúde en Ribadeo tendo en conta que o actual centro de saúde, de 35 anos de antigüidade, presenta unha importante falta de espazos e de funcionalidade asistencial, dificultando o necesario crecemento dalgunhas áreas.

Para substituílo, o documento estratéxico propón un novo centro cun plan funcional que contempla incrementar en 5 as consultas de adultos, crear unha consulta para o programa da muller, outra para o hixienista dental, salas de reanimación e de observación no PAC, a integración de espazos para o 061 e o aumento das superficies nas áreas fisioterapia ou radioloxía. En consecuencia, o plan prevé que o novo centro se achegue aos 2.500 metros cadrados de superficie, un aumento dun 30% respecto á superficie do actual centro.

Logo da aprobación do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, o conselleiro de Sanidade remitiulle, o 4 de novembro, cartas a todos os alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan. Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, a Xunta solicitaba a pronta achega, por parte dos concellos, de parcelas viables para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento dos novos centros.

Unha vez respondida hoxe esa solicitude por parte do Concello de Ribadeo, a Consellería de Sanidade dará inmediata resposta avaliando as propostas entregadas polo Concello e, posteriormente, organizando unha visita de técnicos do Sergas aos terreos para poder avaliar a idoneidade daquelas que se consideren máis aptas e, no caso de confirmala nalgún caso, comezar os trámites para asinar un convenio de cesión da parcela por parte do concello e de inicio da licitación por parte da Xunta do proxecto construtivo.

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here