O Mercado de Nadal de Ribadeo ofrecerá 26 postos e obradoiros, concertos e visitas guiadas

O programa de actividades da décimo quinta edición da feira encherá a vila de actividades do 6 ao 9 de decembro

Suárez Barcia e Martínez, na presentación do evento. AXM

Un total de 26 postos participará na décimo quinta edición do Mercado de Nadal de Ribadeo, que abrirá as súas portas no Parque de San Francisco do 6 ao 9 de decembro.

No mercado haberá expositores de artesanía, cervexas artesás e alimentación, traballos con coiro, cerámica, decoración ou deseño.

Os clientes poderán achegarse en horario matinal, de 11.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 17.00 a 21.00.

A décimo quinta edición do mercado suporá un aliciente máis para visitar Ribadeo e para impulsar a vila como centro comercial e de ocio durante o mes de decembro.

Así, o mercado contará con actividades paralelas, como obradoiros para nenos, actuacións musicais e visitas guiadas.

OBRADOIROS

O 7 de decembro, desde as 17.30 horas, haberá un obradoiro de bolachas de xenxibre a cargo de ConSentidiño. O 9, a partir das 12.30, a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña ofrecerá un taller de decoración de candeas.

VISITAS GUIADAS

No tocante ás visitas guiadas, o programa comezará o día 7 cunha ruta pola heráldica ribadense, que contará coas explicacións de Francisco José Campos. A actividade comezará ás 11.00 horas no parque de San Francisco.

Do mesmo escenario partirá, o día 8 ás 19.30 horas, un percorrido pola ruta dos comerciantes, a cargo de Begoña García López.

O domingo, en horario matinal, haberá outra ruta para coñecer o patrimonio relixioso ribadense, que contará coa presenza de Álvaro Lamas e Luis López Sierra.

As prazas para as visitas guiadas son limitadas. Anotan no teléfono 982.128.689 ou no e-mail turismo@ribadeo.org.

CONCERTOS

O programa de actividades paralelas tamén inclúe concertos de Lazy Bones, Cosmosoul, Iria Estévez e Gonzo Piña, Los Incorregibles e Batuko Tabanka.

ALUMEADO

O 6 de decembro acenderase tamén o alumeado de Nadal. “Non nos verán desde Nova Iork ou Tokio, pero seguro que imos ser un referente na Mariña Lucense”, ironizou o alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, que presentou a programación coa concelleira de desenvolvemento local, turismo e comercio, Ana Martínez.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here