O goberno de Foz propón á firma navarra Idea para xestionar a residencia

O pleno decidirá o día 13 sobre o acordo adoptado entre a empresa e o executivo municipal

Residencia para persoas maiores de Foz. AXM

O Concello de Foz chegou a un acordo coa empresa navarra Idea para xestionar a nova residencia de maiores, un pacto que deberá ratificar ou rexeitar a corporación municipal no pleno do día 13.

Tres empresas optaban a xestionar o xeriátrico focego. O goberno local propón para a súa adxudicación “á empresa mellor puntuada, unha vez que se fixo a valoración conxunta tanto das ofertas técnicas como das económicas”.

O alcalde de Foz, o popular Javier Castiñeira, explica que Idea “é unha empresa de Navarra que quere espallar a súa actividade tamén á zona norte de Galicia”.

PRAZOS

O rexedor calcula que, de saír adiante a proposta, “pendentes dos períodos de posibles alegacións, sería posible contratar, se así se determina, á empresa Idea xa neste ano”.

Castiñeira expón que “a partir de aí é necesario un prazo prudencial para preparar a residencia e elixir ao persoal, para o que neste caso hai un compromiso polo que os que están traballando actualmente no asilo teñan prioridade”.

EDUARDO PONDAL

O PSOE de Foz critica o pintado dunha banda amarela na marxe esquerda da rúa Eduardo Pondal.

Os socialistas focegos sinalan que a prohibición de estacionamento en liña nesta zona afecta sobre todo á comunidade escolar do colexio Nº 1.

Banda amarela en Eduardo Pondal. AXM

O grupo municipal socialista cre que a decisión do Concello provoca “un problema de seguridade” ao obrigar a cruzar a rúa ao alumnado, mentres que antes “moitos vehículos paraban nesa marxe”.

O PSOE focego asegura que recibiu “numerosas queixas por esta prohibición” que, entenden os socialistas, non ten xustificación “ao non haber constancia de ningún problema de tráfico“.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here