A alcaldesa lembra que San Lázaro contará con bandas de alerta a vindeira semana

Os dispostivos estarán ubicados nos puntos quilométricos 00+60 e 01+700 e combinaranse con sinais verticais

Barrio de San Lázaro, en Viveiro. AXM

O goberno local de Viveiro informou este mércores de que a vindeira semana instalaranse bandas transversais de alerta na zona previa á recta de San Lázaro, onde un grupo de veciños solicitaba medidas para a redución da velocidade dos vehículos, causante de accidentes no 2015, 2016 e 2017.

Estes dispositivos, que se ubicarán no punto quilométrico 00+60 -na marxe esquerda- e no 01+700, na marxe dereita, modificarán a superficie de rodadura da estrada.

O obxectivo destas bandas é transmitir ao condutor a necesidade de extremar a precaución nun tramo no que existe risco vial. Irán combinados con sinais verticais.

SOLICITUDE DO CONCELLO

O goberno local viveirense explica que “foi este Concello quen, no seu momento, solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas a adopción das medidas técnicas necesarias para solventar a alta siniestralidade da zona”, afirma a alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro.

A rexedora lembra que o executivo municipal “emitiu un informe técnico redactado pola Policía Local no que se analizaba a situación e se realizaban diversas propostas para mellorar a seguridade da zona”.

Así, Loureiro precisa que “aproveitando as execucións destas medidas realizáronse en San Lázaro actuacións de limpeza e pintado da estrada, pero cómpre deixar claro que o fin principal das obras é a seguridade”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here