Un café cultural súmase á oferta do centro de emprendemento de Sargadelos

O alcalde de Cervo lembra que quedan "dous locais libres" cun aluguer de 20 euros ao mes para os empresarios que queiran iniciar actividades no sector artesán, hostaleiro ou turístico

Sinatura do acordo. AXM

Un café-bar cultural ampliará a oferta empresarial do centro de emprendemento que o Concello de Cervo impulsou na contorna das reales fábricas de Sargadelos

O alcalde cervense, o popular Alfonso Villares, asinou este mércores o contrato de arrendamento coa persoa adxudicataria do local 4, Alba Fernández Rubal.

Neste espazo, de 67,8 metros cadrados, a arrendataria desenvolverá actuacións socioculturais de carácter multidisciplinar, tales como exposicións, concertos, xornadas gastronómicas, contacontos, charlas, monólogos ou presentacións de libros

Co obxectivo de animar a zona e fortalecer o tecido empresarial, o Concello de Cervo ofrece locais cun aluguer de 20 euros ao mes para os empresarios que cumpran os requisitos establecidos polo executivo municipal.

O café-bar cultural sumarase a Cabaliño de Pao, o centro ecuestre que botou a andar o pasado verán e que utiliza o espazo exterior anexo ás Cabalerizas, de 100 metros cadrados, ademais dun dos locais interiores.

Segundo informou o goberno local, o establecemento de alimentación ecolóxica proxectado na zona “abrirá as súas portas proximamente”.

DOUS LOCAIS LIBRES

Villares apuntou que “quedan un par de locais dispoñibles” con aluguer bonificado aos que pode optar calquera persoa que desexe desenvolver a súa actividade nesta contorna, sempre e cando cumpra co que pide o executivo municipal.

Os espazos poderán ser destinados a calquera actividade comercial relacionada co sector artesán, que segue a ter prioridade; pero tamén cos produtos ecolóxicos, ou co sector turístico e a hostalería.

Os obxectivos do centro de emprendento son “dar impulso ao conxunto histórico de Sargadelos” e “facilitar ás persoas emprendedoras unha opción para iniciar a súa actividade”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here