IniciosociedadeMaría José Novoa: "Abrimos a única vivenda tutelada para mulleres vítimas de...

María José Novoa: “Abrimos a única vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero en todo o Estado”

María José Novoa Rodríguez é a xerente da Asociación Saúde Mental A Mariña. Falamos con ela sobre o nacemento deste proxecto hai máis de vinte anos e descubrimos que é pioneiro en todo o Estado na creación dunha vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero. A desestigmatización da enfermidade mental, o traballo con persoas que poden levar unha vida normal aínda que padezan unha doenza mental, son algúns dos piares sobre os que traballa esta asociación que hoxe en día conta cun amplo recoñecemento tanto dentro como fóra de Galicia.

Publicada o

- Advertisement -

-Cando nace a Asociación Saúde Mental A Mariña?

A asociación foi fundada no 1999 a iniciativa de cinco familias afectadas pola problemática da enfermidade mental. Decidiron unir forzas ante a falta de recursos para a atención da saúde mental na Mariña. Conseguiron que as persoas con enfermidade mental crónica e as súas familias se lles presentase unha axuda e unha asistencia continuada co obxectivo prioritario a rehabilitación psico-social e laboral. O primeiro centro naceu en 2001 que foi o centro de rehabilitación psico-social de Burela. A partir de aí fomos crecendo en dispositivos, persoas atendidas, crecendo en profesionais, todo dentro do que é a área sanitaria da Mariña. Tamén debo dicir que este ano deixamos de ter un ámbito comarcal para ter un ámbito autonómico tendo en conta que recibimos usuarios das catro provincias galegas.

-Iso supón un reto en si.

Demos un salto cualitativo e cuantitativo en canto á atención integral das persoas con saúde mental, tamén dicir que en Galicia só existen catro residencias especializadas en saúde mental para toda a comunidade autónoma. Isto último tradúcese en que teñamos usuarios de todas partes de Galicia. E ademais, depois de abrirmos a vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero, que é a única vivenda de acollida en todo o Estado, con todo isto estaba claro que deberiamos cambiar o noso ámbito de actuación, do comarcal ao autonómico.

-Onde está a vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero?

Está en Burela e é a primeira de todo o Estado, fomos pioneiras niso, de feito recibín o Premio do Día Mundial do Traballo Social e ás Boas Prácticas pola Vivenda para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero. Desenvolvín ese proxecto porque me parecía anacrónico e mesmo anticonstitucional que non houbese lugares de admisión para mulleres vítimas de violencia de xénero. Isto parecíame unha tripla indefensión e unha tripla discriminación, por que? Pois por unha parte son vítimas de violencia de xénero, por outra son mulleres e por outra parte sofren enfermidade mental, sofren unha discapacidade. Este proxecto presenteillo á secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen nos apoiou desde o primeiro momento. Agora é xa unha realidade e estamos atendendo persoas de toda Galicia e pertencemos á Rede Galega de Acollida, aínda que nós temos esa especialidade para acoller mulleres con enfermidade mental.

este ano deixamos de ter un ámbito comarcal para ter un ámbito autonómico tendo en conta que recibimos usuarios das catro provincias galegas

-Volvendo aos inicios, como foron os primeiros pasos para formalizar a vosa presenza e mesmo para ter un espazo onde instalarvos?

En 1999 as cinco familias que comezaron, entre eles estaba Iris Castro Meitín, quen foi a presidenta da Asociación até o seu falecemento. En decembro de 2001 foi cando se conseguiu o primeiro centro logo de reunións e traballos en equipo. Pouco a pouco foise progresando e nos últimos anos demos un salto cuantitativo e cualitativo en canto atención da saúde mental, certificámonos en calidade ISO 9001 en 2011. Agora mesmo temos en marcha tres proxectos para ampliar recursos e buscando o mellor para os nosos usuarios. Traballamos co modelo de calidade de vida descrito por Schalock e Verdugo, por tanto xa somos unha asociacion moi profesionalizada.

-Cales son as bases e as actividades que desenvolvedes para darlle apoio aos e ás usuarias?

A nosa misión é prestar unha atención continua ás persoas con enfermidade mental e ás súas familias e ofrecerlles recursos para desenvolvérense mellor. Logo temos unha serie de valores para min fundamentais como son a profesionalidade, a transparencia, traballo en equipo, eficacia, afecto, comprensión, implicación e seguridade. Todo o noso traballo xira arredor de procesos estratéxicos esenciais e de apoio. Agora mesmo temos un equipo formado por trinta e sete profesionais do que formo parte como xerente. Todo isto é a base e o fundamento para seguir crecendo e seguir mellorando, ademais dunha formación continua ao persoal que traballa aquí. Os nosos usuarios, nos distintos centros que asisten, Burela, Ribadeo, Viveiro, a residencia, o piso protexido e a vivenda de mulleres, facemos unha atención integral baseada nos aspectos de atención psicolóxica, atención social, atención pre-laboral e logo a atención residencial propiamente dita de atención rehabilitadora. Eses son os aspectos que traballamos e dentro deles, cada usuario ten o seu PIP, (proxecto individualizado de intervención), é dicir, traballamos cun modelo centrado na persoa.

abrimos a vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero, que é a única vivenda de acollida en todo o Estado

-Existe unha equiparación entre o número de homes e mulleres que atendedes e cales son as enfermidades máis recorrentes que atendedes?

Na unidade residencial o 75% son homes e o 25% mulleres. No centro de Burela o 57% son homes e o 43% son mulleres, en Ribadeo o 61% son homes e o 39% mulleres e no piso protexido son 83% homes e o 17% mulleres. Isto tradúcese en que en recursos asistenciais hai máis homes que mulleres. Por que hai máis homes que mulleres? Creo que a muller desde toda a vida sempre estivo destinada, ademais de coidar da súa propia saúde mental, tamén coidar a dos ascendentes e descendentes, traballo en casa. Creo que é tal a discriminación sobre a muller que mesmo era difícil o seu acceso á vivenda de mulleres ou á residencia. O home sempre ten máis posibilidades de entrar, teñen menos funcións dentro da casa non así as mulleres quen tradicionalmente si teñen máis responsabilidades na casa. Por iso nos centros de día o número de homes e mulleres é moi similar, mais o que é residencial de 24 horas e 365 días por ano. A única explicación para min é esa, que a situación da muller é sempre a de atender a casa. Sobre as enfermidades, os diagnósticos principais son en primeiro lugar a esquizofrenia, despois trastorno bipolar, logo o trastorno de personalidade e por último o trastorno equizo-afectivo e logo está o obsesivo compulsivo (TOC).

Todo o noso traballo xira arredor de procesos estratéxicos esenciais e de apoio

-A sociedade segue a ver a enfermidade mental como un tabú?

Quero pensar que cada vez menos aínda así o estigma social está aí. Agora mesmo estamos educando desde os máis pequenos. De feito, imos presentar o día 23 un conto que fixeron integramente os nosos usuarios coa intención de educar aos nenos e nenas, pois moitas veces saben o que é un cancro ou outra enfermidade mais a enfermidade mental non, non se fala dese termo. Normalmente fálase en termos despectivos e os nosos nenos son o futuro por iso debemos comezar por aí, desde os seis anos até os doce. Iremos tamén con contacontos polos colexios para ler o conto e ilo explicando e para iso nos acompañarán usuarios. Isto daralles visibilidade para que se vexa como é realmente unha enfermidade mental e que unha de cada catro persoas pode padecer unha enfermidade mental durante a súa vida. Por tanto, queremos darlle visibilidade e normalidade e que deixe de ser un tema tabú. É por iso que facemos tantas actividades fóra do centro, para darlle visibilidade en lugares onde aínda non chegamos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...