InicioSucesos(AMPLIACIÓN) En porto o mercante sen goberno que estivo en risco de...

(AMPLIACIÓN) En porto o mercante sen goberno que estivo en risco de bater contra as rochas en Viveiro

Ao non arrincar os motores, o buque quedou a mercé do mar nunha zona próxima á costa, o que provocou que se activase o Plan Territorial de Contaminación Marina Accidental de Galicia

Publicada o

- Advertisement -

O mercante Muros, de bandeira española e cunha tripulación de nove persoas, fica resgardado no porto de Celeiro despois de que, sobre as 6.30 horas da mañá deste mércores, os motores non acendesen e o barco ficase a mercé do vento, con alto risco de bater contra as rochas.

A embarcación, de 90 metros de eslora, fondeou fóra da bocana da ría de Viveiro e garreou, ía cara atrás dado que a áncora non estaba asegurada. Así, ameazou con bater contra a costa de Esteiro, en Xove, sen apenas abrigo e coñecida polas súas calidades para a práctica do surf.

o cargueiro fondeou nunha zona pouco propicia e ameazou con bater contra a costa de esteiro

Ao parecer, o capitán do barco optou por parar nesta zona ao haber buques fondeando na zona de San Román ou Areagrande, no municipio do Vicedo, máis propicia para abrigarse das ondas e con capacidade para acoller a varias embarcacións. 

O Muros, da navieira bilbaína Murueta, “viña baleiro” desde Aveiro, en Portugal, ata Avilés, a onde ía cargar cuarzo. Segundo explicou a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, “fondeou en Viveiro ao ficar pechado” o peirao avilesino.

o buque ía sen carga, pero o perigo do combustible levou a activar o protocolo contra a contaminación

Malia que non ía cargado, o perigo do combustible levou á Sala de Gardacostas de Galicia a activar desde primeira hora o Plan Territorial de Contaminación Marina Accidental de Galicia (Plan CAMGAL) en fase de alerta.

DISPOSITIVO

Con ondas de catro e cinco metros por mor de refachos de vento de 100 quilómetros por hora e ante un risco alto de accidente, Salvamento Marítimo mobilizou ao helicóptero Pesca II por se fose preciso evacuar a tripulación do barco e desprazou á zona as embarcacións Sar Gavia e Salvamar Alioth, así como ao buque comercial Sertosa Treinta, da fábrica de alúmina sancibrense.

tras un remolque con ventos de 100 qm/h e ondas de cinco metros, os motores do barco arrincaron

Malia as dificultades provocadas polas ondas e o vento, o Sertosa Treinta conseguiu remolcar o barco. Finalmente, a máquina do Muros arrincou e, por indicacións de Capitanía Marítima, chegou ao peirao celeirense sobre as 10.45 horas polos seus propios medios.

O Centro Integrado de Atención a Emerxencias de Galicia (CIAE) puxo a situación en coñecemento do servizo municipal de Protección Civil, da Policía Local e da Policía Nacional de Viveiro.

os nove tripulantes do mercante están ben de saúde, segundo explicou a alcaldesa

O BARCO, A EXAME

Segundo informou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, os nove tripulantes do Muros están, “malia levar un bo susto, fóra de perigo e ben“.

O barco pasará unha inspección para comprobar se os problemas dos motores están solventados e está en condicións de seguir coa súa ruta.

ALERTA LARANXA

A costa da Mariña Lucense manterase durante todo o mércores en alerta laranxa por mar combinada do noroeste con ondas de cinco a sete metros de altura.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...