Un ourolés afronta oito anos de cárcere por atropelar e non socorrer a unha veciña de Magazos, que faleceu

A Fiscalía impútalle delitos de condución sen permiso e baixo a influencia do alcol, homicidio imprudente e omisión do deber de socorro, mentres que a defensa pide a libre absolución

Edificio dos xulgados de Lugo. AXM

EFE. Un veciño de Ourol enfróntase a unha posible pena de oito anos de cárcere por atropelar e non prestar auxilio a unha muller de 67 anos, que faleceu no hospital a causa da gravidade das súas feridas, nove días despois do accidente.

O xuízo comezou este xoves no Xulgado do Penal número 2 de Lugo e o fiscal acusa ao procesado, que no momento do accidente tiña o carné de conducir retirado por unha sentenza xudicial, dun delito de condución sen permiso e baixo a influencia de bebidas alcólicas, homicidio imprudente e omisión do deber de socorro.

En concreto, o ministerio público pide para o acusado catro anos de prisión polo delito de homicidio imprudente e outros catro anos de reclusión polo de omisión de socorro, así como a perda definitiva do permiso de condución e que indemnice aos familiares da vítima con 250.000 euros.

a fiscalía, que pide 250.000 euros de indemnización para a familia, afirma que o acusado “fuxiu a gran velocidade”

“FOI PERFECTAMENTE CONSCIENTE”

Segundo o relato da Fiscalía, o acusado, que inxerira “previamente bebidas alcólicas en tal cantidade que mermaban notablemente as súas facultades”, non advertiu a presenza da vítima, que tentaba cruzar a estrada LU-540 ao seu paso polo lugar de Landrove, no concello de Viveiro.

O coche que conducía golpeou á falecida “coa parte dianteira” e a muller “quedou tirada na vía. O acusado foi perfectamente consciente no momento do que sucedera”, engade a acusación, “pero retomou a marcha a gran velocidade cara a súa casa, sen preocuparse en absoluto pola sorte que poidese correr a persoa atropelada”.

TAXA DE ALCOL DO 0,53

O atropelo produciuse sobre as 21.00 horas do pasado 3 de outubro e na madrugada do día 4 a Garda Civil presentouse no seu domicilio, no lugar de Xerdiz, onde o acusado someteuse voluntariamente a probas de alcolemia e deixou unha taxa de 0,53 miligramos de alcol por litro de aire, que duplica a permitida pola lei.

A vítima, que residía na localidade viveirense de Magazos co seu marido e dous dos seus fillos, faleceu o día 12 do mesmo mes no hospital a causa da gravidade das súas feridas.

O acusado foi identificado e localizado grazas á información dalgunhas testemuñas presenciais, que viron o coche que conducía cando se ausentou do lugar do accidente.

O ACUSADO SAÍRA “A BUSCAR MEDICINAS” PARA SÚA NAI

A defensa informou de que a súa intención é pedir a libre absolución, pois entende que o acusado púxose ao volante do vehículo, malia non ter carné, “porque se viu obrigado a saír a buscar medicinas para súa nai“.

o procesado di que non viu á vítima e a defensa alega que a falecida non levaba dispositivos para ser vista de noite na estrada

O avogado alega tamén que a proba de alcolemia fíxose dúas horas despois do accidente, cando o acusado xa cenara, de modo que non está demostrado que fose ebrio con anterioridade.

O acusado declarou que non viu a vítima e o letrado da defensa institiu en que a muller estaba no medio da calzada, sen ningún tipo de dispositivo para que os condutores poidesen distinguila con facilidade.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here