Detida en Viveiro unha presunta xihadista que planeaba un atentado en Galicia

A muller, de 45 anos, xa fora arrestada con anterioridade e a Garda Civil sospeita que pretendía replicar os atropelos masivos de Barcelona e Cambrils do 2017

Detención da presunta xihadista. ELISEO TRIGO/EFE

EFE. A Garda Civil detivo na parroquia de Galdo, en Viveiro, a unha presunta xihadista que mostrara, a traves das redes sociais, o seu desexo de replicar en Galicia atentados similares aos de Barcelona e Cambrils en agosto de 2017.

Nunha operación desenvolta por axentes do Servizo de Información da Garda Civil baixo a dirección do Xulgado Central de Instrución número 5 e a Fiscalía, foi detida esta muller, de 45 anos, como presunta autora de delitos de terrorismo.

A presunta terrorista xa fora arrestada pola Garda Civil en 2018, despois de máis dun ano de investigacións.

Desde aquela, “consciente do carácter delitivo das súas actividades”, expón o Ministerio do Interior a través dun comunicado, “asumira numerosas medidas de seguridade coa intención de eludir a vixilancia dos investigadores. Estas medidas abranguen a súa actividade en internet, en redes sociais, o uso de comunicacións telefónicas e tamén en facetas do seu comportamento na vida real”.

Ademais de consumir propaganda de diversos grupos terroristas, esta muller celebrara publicamente accións violentas, en concreto, os atropelos masivos en Barcelona e Cambrils en agosto de 2017.

Segundo publicou La Razón, a muller comezara a realizar xestións para o alquiler dunha furgoneta, polo que a Benemérita sospeita que planeaba replicar en Galicia un ataque de características similares.

Polos elementos obtidos ao longo da investigación, a reincidencia e o incremento do nivel de risco, a Garda Civil procedeu novamente á súa detención para neutralizar esta ameaza á seguridade pública e determinar se a muller poidese estar sendo instrumentalizada ou influenciada por alguén.

TRES DETIDOS EN GUIPÚSCOA

Ademais, segundo informou este martes o Ministerio do Interior, outra operación foi levada a cabo por investigadores da Brigada Provincial de Información de San Sebastián, que detivo en Guipúscoa a tres marroquís de 27 anos, por presunta participación nos delitos de adoctrinamento e enaltecemento do terrorismo.

Os axentes rexistraron os seus domicilios nas localidades de Urretxu, Ibarra e Urnieta. Os detidos, que formaban “un grupo homoxéneo e cohesionado”, introducíranse nos círculos salafistas da provincia. Comezaron como consumidores da propaganda que o grupo terrorista Daesh publicaba a través de internet e pasaron a ser eles mesmos os que difundían nas súas redes sociais mensaxes de incitación ao odio e á violencia.

Empregaban os seus perfís para alentar a confrontación relixiosa e a destrución de Occidente e dos seus aliados, sostén Interior no seu comunicado, e a investigación constatou que os detidos “tiñan certa capacidade de captación e adoutrinamento dentro da súa comunidade virtual”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here