Continúa sen pistas a búsqueda de Alejandro Meitín San Isidro, que falta en Viveiro

A Policía Nacional difundiu o caso a nivel estatal, pero dubida de que estea noutros puntos de España porque "de usar unha autovía saltaría o aviso" da matrícula

Cartel compartido pola familia de Alejandro nas redes sociais. AXM

Continúa a búsqueda de Alejandro Meitín San Isidro, o veciño de Viveiro de 34 anos que falta desde a noite do pasado sábado, cando acudiu a unha cea de empresa cos seus compañeiros de traballo. A Policía Nacional indica que a desaparición voluntaria segue a ser “a hipótese máis plausible“, aínda que non descarta a outra alternativa, que o desaparecido sufrise un accidente. A última pista sitúao o domingo, ás 8.30 horas, nun local viveirense.

Estes días, os axentes continúan a procura por camiños secundarios da Mariña Lucense, coa participación da Garda Civil, Protección Civil e os servizos de Bombeiros, así como no litoral por medio de Salvamento Marítimo. O comisario da Policía Nacional viveirense, Jesús Seco, remarca tamén que “se difundiu o caso a nivel estatal por se estivese nalgún outro sitio de España“, aínda que admite que de utilizar algunha autovía para desprazarse “houbese saltado aviso pola matrícula“.

A Policía Nacional fará un segundo repaso de entrevistas coas testemuñas, para comprobar de novo os detalles ofrecidos e ver se hai algunha pista nova de interese. Por agora non se solicitou orde xudicial para comprobar se houbo movementos na conta bancaria do desaparecido, dado que é o único titular e ao manterse a desaparición voluntaria como principal hipótese suporía unha violación do dereito á intimidade desta persoa. De igual forma, non se pediu intervir o teléfono móbil de Alejandro.

A FAMILIA ORGANIZOU BATIDAS

Á búsqueda das forzas de Seguridade do Estado únese a procura da familia, dado que os seus parentes están a repasar os lugares polos que se soía mover o desaparecido ademais de continuar cunha intensa campaña a través das redes sociais para tentar localizar a Alejandro.

Alejandro Meitín San Isidro vestía no momento da súa desaparición un pantalón vaqueiro e unha camisa de cadros de cor azul, e viaxaba nun Ford Fiesta de cor azul ceo, semellante ao gris. Mide 1,83 metros, de constitución grosa e leva pendentes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here