Tentan reflotar un coche no porto deportivo de Viveiro que podería ser o de Alejandro Meitín

Marca e modelo do turismo coinciden e o buzo non atopou o corpo do desaparecido, o que non se confirmará ata traer o vehículo a terra

Porto deportivo viveirense. TURISMO DE GALICIA

A Policía Nacional tenta reflotar un coche afundido no porto deportivo de Viveiro que parece corresponderse co vehículo de Alejandro Meitín San Isidro, desaparecido desde a noite do sábado 14 de decembro.

Segundo fontes policiais, o vehículo podería ser o Ford Fiesta de cor azul ceo, semellante ao gris, con matrícula 0480 FVJ que conducía Alejandro. As mesmas fontes están a confirmar esta hipótese, que semella moi probable, e tamén a comprobar se o corpo da persoa desaparecida está no interior do coche.

Por agora, o buzo confirmou que a marca e o modelo de coche son os mesmos, pero non se puido comprobar con exactitude a matrícula. A través do mergullo tampouco se atopou a simple vista o corpo de Alejandro, pero fontes policiais aseguran que é necesario reflotar o coche para comprobar todos os habitáculos do turismo, tamén o maleteiro.

Policía Local e Garda Civil manteñen acordonada a zona do peirao deportivo, á altura do Lodeiro.

Alejandro Meitín San Isidro, de 34 anos, falta en Viveiro desde a noite do 14 de decembro, cando acudiu a unha cea cos seus compañeiros de traballo. En principio, a Policía Nacional optou pola desaparición voluntaria como hipótese principal dado que esta persoa desaparecera co seu vehículo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here