A Policía baralla “un accidente” tras atopar o coche afundido de Alejandro Meitín, pero non o corpo

Trabállase coa hipótese de que o vehículo caeu noutro lugar e foi arrastrado polas correntes; a falta de revisar a electrónica, tiña a fiestra do condutor aberta e o freo de man posto

Porto deportivo. VIVEIRO.ES

A Policía Nacional traballa polo de agora na hipótese dun “accidente” despois de que, tras reflotar o coche que apareceu afundido este venres na contorna do peirao deportivo de Viveiro, se confirmase que é o Ford Fiesta azul ceo matrícula 0480 FVJ que conducía Alejandro Meitín San Isidro, o home de 34 anos desaparecido na cidade desde a noite do sábado 14 de decembro, cando acudiu a unha cea de empresa.

Con todo, no interior do vehículo non había ninguén, tal e como puideron comprobar os mergulladores desprazados ata o lugar para inspeccionar tanto o automóbil atopado como os seus arredores.

Foi un mariñeiro da zona quen alertou deste achado sobre o mediodía deste venres. Desde ese momento, a Policía Nacional e a Garda Civil acordoaron o porto e traballaron coa hipótese de que o coche pertencía á persoa que buscaban no municipio desde hai dúas semanas. A Policía Local tamén participou no dispositivo.

SUCESO “ESTRAÑO”

Fontes policiais aseguran que “a simple vista” semella que o coche “caeu accidentalmente no mar“, e tiña as fiestas abertas, a do condutor “un pouco máis”, “de xeito que puido tentar saír o desaparecido e evitar morrer afogado, aínda que non deixa de ser unha conxectura”. Algunhas fontes consultadas subliñan que o atopado no porto de Viveiro “é moi estraño“, dado que o vehículo ficaba debaixo da auga co freo de man posto e co interruptor da luces activado -aínda que os faroliños xa non estaban acesos-.

Individualmente estas situacións non din nada e temos que ser cautelosos e esperar a poder valoralas en conxunto, o que nos levará tempo”, remarcan desde a Policía Nacional.

A REVISIÓN DA ELECTRÓNICA, CHAVE PARA DAR PISTAS

Debido ás características deste achado tan “estraño”, a Policía Nacional aínda ten que redefinir a liña de investigación da desaparición de Alejandro Meitín San Isidro. Nos últimos días, apuntouse a unha marcha “voluntaria”, pero agora a hipótese máis probable, segundo as fontes policiais, é “o accidente. Imos revisar a electrónica do coche, que nos permitirá comprobar cando se produciu o accidente, porque aí cando se mergulla falla, queda rexistrada a avería na unidade de control”, explica.

Ademais, sinala que o vehículo puido non caer ao mar no porto a noite na que desapareceu, senón que o suceso puido acontecer noutro lugar e que a marea o arrastrara ata a zona do Lodeiro. O frontal do vehículo estaba, segundo confirmaron as mesmas fontes, “chantado no fango” por mor das correntes, que levan o lodo a acumularse contra os obstáculos. A grúa e os Geas da Garda Civil completaron o traballo de reflotar o automóbil nun prazo de pouco máis de 20 minutos.

Deste xeito, as mesmas fontes non se mostran optimistas en atopar o corpo de Alejandro na zona, dado que sinalan que “o normal é que o mar devolva os cadáveres nun prazo que xa se rebasou amplamente, pois despareceu hai case 15 días”.

DÚAS SEMANAS DESAPARECIDO

Alejandro falta tras acudir a unha cea con compañeiros de traballo. Segundo a información de SOS Desaparecidos, mide 1,83 metros e é de complexión grosa con pelo moreno, ollos castaños e pendentes nas orellas. Na noite da súa desaparición levaba uns pantalóns vaqueiros, camisa a cadros e un anorak.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here