(AMPLIACIÓN) Tres persoas feridas tras descarrilar un tren no Barqueiro por un desprendemento de terra

O maquinista, a interventora e un pasaxeiro sufriron lesións; seis viaxeiros resultaron ilesos; a circulación entre Ferrol e Ribadeo permanecerá interrompida durante días

Tren que descarrilou. GALICIA CONFIDENCIAL

Tres persoas -o maquinista, a interventora e un pasaxeiro- resultaron feridas tras descarrilar un tren de ancho métrico (Feve) á altura da parroquia de Mogor, preto do Barqueiro, pertencente ao concello coruñés de Mañón. Trátase do ferrocarril de media distancia 71382. Os restantes seis viaxeiros que ían no convoi resultaron ilesos, segundo confirmaron Renfe e persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ortigueira.

 

Segundo as mesmas fontes, o descarrilamento produciuse sobre as 20.30 horas, á altura da piscina municipal do Barqueiro -punto quilométrico 67/544-, debido a un desprendemento de terras. Os feridos foron evacuados ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Ortigueira, mentres que os viaxeiros foron recollidos por outro convoi.

 

Foi o persoal do centro de seguridade de Adif quen alertou ao 112 Galicia. Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Dependencias (CIAE) puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Eume e de Viveiro, da Garda Civil, do GES de Ortigueira e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mañón.

A circulación na liña de tren de ancho métrico entre Ferrol e Oviedo permanece interrompida e, segundo informaron as fontes consultadas, seguramente non se retomará nos próximos días.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here