O Concello de Cervo persoarase como acusación particular no caso das gravacións na Maruxaina

O goberno local cervense solidarízase coas mulleres afectadas, que se contan por decenas, e espera que "o acontecido non quede impune"

Actuación musical na Maruxaina. MARUXAINA/FACEBOOK

O Concello de Cervo anunciou a través das súas redes sociais que se persoará como acusación particular no caso das gravacións con cámara oculta realizadas durante a Maruxaina. Nun breve comunicado, o goberno municipal cervense “solidarízase coas mulleres afectadas” polas gravacións ilegais de rapazas ouriñando na rúa, que foron colgadas en páxinas web pornográficas e finalmente retiradas. O executivo local “condena rotundamente os feitos” e confía en que a investigación iniciada “poida esclarecer o acontecido e que non quede impune”.
O goberno cervense vén así a sumarse á Asociación Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei), que avanzou que se persoará como acusación popular neste caso.

AUMENTAN AS DENUNCIAS DE MOZAS AFECTADAS

Ao longo dos últimos días sucedéronse as denuncias na Mariña con motivo destas gravacións ilegais. Segundo concreta a Policía Nacional de Viveiro, nas últimas horas producíronse novas demandas de mulleres afectadas, que se contan por decenas. Outras vítimas denunciaron perante a Garda Civil de Burela, que se encarga da investigación.

COMUNICADO DE REPULSA DO OBSERVATORIO

O Observatorio da Mariña pola Igualdade, agrupación feminista da comarca, emitiu un comunicado no que cualificou de “lamentable” o suceso. “Unha vez máis o machismo máis noxento sae á luz, buscando constantemente novas formas de intimidación, socavar a nosa dignidade para recordarnos que a rúa non é un espazo seguro para nós”, indicou o colectivo, que amosou o seu “rexeitamento profundo” ante estes feitos e o “apoio” ás compañeiras afectadas. “As festas, a rúa e a noite tamén son nosas”, conclúe a nota.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here