Falece unha muller de San Cibrao de 52 anos ao precipitarse o seu coche por un cantil en Tapia

Os servizos de emerxencias atoparon o vehículo ardendo coa porta aberta e o corpo flotando no mar, polo que non se descarta que fose un suicidio

Contorna da praia de Serantes. AXM

Unha muller residente en San Cibrao, de 52 anos de idade, faleceu este luns tras precipitarse o seu coche por un cantil da contorna da praia de Serantes, no municipio asturiano de Tapia de Casariego.

A alerta produciuse sobre as 8.40 horas deste luns, cando se advertiu que saía fume negro dos cantís do areal, o que fixo pensar en principio nun incendio forestal. Cando chegaron os Bombeiros de Barres a apagar o lume constataron de que se trataba dun vehículo ardendo, que se saíra da vía que une o cámping de Serantes coa localidade de Tapia.

Ao lugar do suceso desprazouse unha patrulla do posto de Tapia de Casariego, atestados e motoristas da Garda Civil de Tráfico de Luarca e a Policía Xudicial deste mesmo destacamento.

Ao parecer, a persoa falecida saíu do turismo antes de que se calcinara, posto que a porta estaba aberta e o seu corpo foi atopado flotando no mar. A Garda Civil investiga o suceso e non se descarta que se trate dun suicidio.

EMPREGADA DO CONCELLO, QUE DECRETOU LOITO OFICIAL

A falecida tratábase dunha empregada do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Cervo, que decretou loito oficial desde hoxe ata o remate do vindeiro mércores, sen actos nin actividades no municipio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here