Unha veciña de Celeiro de 45 anos presentou denuncia o pasado xoves na Comisaría da Policía Nacional de Viveiro ao ser agredida fisicamente polo seu marido, de 50 anos, segundo expuxo o corpo policial a través dun comunicado. A agresión, segundo a nota, aconteceu a primeira hora da tarde, sendo testemuñas a filla do matrimonio e o noivo da rapaza. A muller supostamente agredida tamén denunciou ser maltratada psiquicamente nos últimos meses mediante insultos e ameazas. O detido por violencia de xénero foi posto a disposición xudicial ao día seguinte, quedando en liberdade sen medidas.
CASE 2.000 EUROS
Doutra parte, sobre as 19.20 horas do xoves, funcionarios da Comisaría detiveron no seu centro de traballo, a requirimento do empresario, a unha traballadora veciña de Burela, que coidaba de maiores a domicilio. Segundo familiares de tres destes anciáns, a detida tería furtado diferentes xoias nos últimos días. As investigacións permitiron confirmar que efectivamente vendera en establecementos de compra-venda de Viveiro xoias por valor duns 1.950 euros, recuperándose 1.850 euros en efectivo e varias xoias que levaba no seu poder e poderían proceder de tales furtos.
ORDE XUDICIAL DE DETENCIÓN DUN TURISTA POR ESTAFA
Por último, sobre as 11.00 horas do venres, a Policía Nacional detivo a un turista procedente de Madrid que se hospedaba nun hotel de Covas, ao existir na súa contra unha orde xudicial de detención dun Xulgado de Zaragoza, por danos. Tamén tiña outras dúas ordes de investigación de domicilio ditadas por Xulgados de Logroño e Madrid, por estafa. Foi posto a disposición xudicial á primeira hora da tarde do día 14.