Ferido grave un home de 84 anos ao envocar un camión na A-8 en Tapia

O ancián, que precisou de excarceramento polos bombeiros de Castropol, foi evacuado ao Hospital de Jarrio

Momento da intervención. SEPA

Unha persoa quedou ferida tras envorcar, sobre o lateral esquerdo e por circunstancias que se descoñecen, o camión que conducía cando circulaba pola A-8, á altura do punto kilométrico 491, en sentido Oviedo, no concello de Tapia de Casariego.

Segundo os datos facilitados polo Servizo de Atención Médica Urxente (SAMU), o ferido, de 84 anos, presentaba, a expensas de máis probas e ata nova valoración médica, policontusións de prognóstico reservado. Foi atendido no lugar do accidente polo equipo médico da ambulancia medicalizada de Jarrio e trasladado ao hospital coañés.

O home tivo que ser excarcerado do interior da cabina por efectivos de Bombeiros do SAIBA (Servizo de Urxencias do Principado de Asturias) con base no parque de Castropol. Os bombeiros liberaron espazo cunha manobra na que usaron unhas cadeas que colocaron ao eixe e á barra de dirección. Posteriormente, co separador, abriron oco e procederon a liberar ao afectado que estaba atrapado polo volante e o asento. Excarceraron e inmobilizaron ao ocupante, en coordinación co equipo sanitario con axuda da táboa de rescate.

O Centro de Coordinación de Urxencias do 112 Asturias recibiu o aviso do sinistro ás 17.20 horas. Nas chamadas -recibíronse varias- indicaban que un camión que transportaba lousas envorcara na citada autovía. Descoñecían se había persoas atrapadas, unha información que facilitou a Garda Civil, ás 17.25 horas, solicitando a intervención de bombeiros.

A Sala 112 do SAIBA mobilizou unha dotación desde o parque de Barres e pasou o aviso ao SAMU que envía ao lugar o equipo médico da UVI-móbil de Jarrio. Finalizada a intervención a dotación regresou á súa base ás 18.50 horas.

COLISIÓN ENTRE DOUS TURISMOS EN BURELA, CON DOUS FERIDOS LEVES

Este mesmo xoves produciuse un accidente en Burela, unha colisión entre dous turismos á altura do campo de fútbol da Marosa, na LU-P-1510, á altura do punto quilométrico 6,500. O sinistro, sobre as 13.45 horas, deixou dous feridos leves.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here