A golpes cos dispensadores de hidroxel e papeleiras en praias e parques de Ribadeo

O Concello asegura que a Policía Local investiga os "actos vandálicos" e o PP critica o "abandono total" das áreas recreativas

Pintadas no parque Pintor Fierros de Ribadeo. AXM

O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo, o nacionalista Jorge Díaz Freije, asegurou que a Policía Local está a investigar os danos causados no parque de Pintor Fierros e noutras zonas como na Devesa ou na praia das Illas, onde apareceron dispensadores de hidroxel e papeleiras rotas.

O edil criticou os “comportamentos incívicos” dos autores, aos que cualifica de “vándalos. Estamos tendo problemas cos dispensadores de hidroxel que cada pouco aparecen rotos, lles pegan patadas ou os rompen e queda todo esparcido polo chan”, expuxo Díaz Freije.

“Estase a controlar exhaustivamente o acontecido estes días”, argumentou o concelleiro. Xa a Policía Local anda mirando quen son estes vándalos que están a facer este tipo de actos reiteradamente tanto nos parques como nalgunha área; na Devesa pasou, na praia de Illas hai pouco tamén. Está a sociedade pouco implicada no ben común”, lamentou.

OS POPULARES: “NON EXISTE SEGURIDADE”

Díaz Freije respondeu deste xeito ás críticas do Partido Popular, que denunciara “o abandono total das zonas recreativas”. A vicevoceira do grupo municipal conservador de Ribadeo, Elena Sierra, expuxo que no parque Pintor Fierros existen varias pintadas e o xel tirado polo chan, e no de San Francisco, unha sinal de tráfico figura rodeada de cables eléctricos; “converténdose nun perigo para a seguridade cidadá”, indica a edil.

“Non existe seguridade”, argumentou Sierra, que apuntou ademais que “incluso algún restaurante se puxo en contacto co Concello para solicitarlle que limpase os contedores de lixo que arroxaban un mal olor e destacaban pola presenza de moscas”.

O GOBERNO LOCAL CENSURA O COMPORTAMENTO “DALGÚN RESTAURANTE” RESPECTO DA RECOLLIDA DE LIXO

“Paréceme un pouco irrisorio que desde o PP se culpe ao Concello de Ribadeo de que rompan os dispensadores. Iso obedece a certo tipo de comportamento dalgunha xente que actúa desa maneira”, manifestou Díaz Freije.

O concelleiro de Medio Ambiente ribadense subliña que o Concello procedeu a cambiar e colocar “40 contedores novos” para a recollida de lixo, tanto no casco urbano como nas parroquias, durante este verán. “Pode ser que haxa algún caso puntual, pero traballamos para telos sempre nas mellores condicións posibles”, indicou.

Díaz Freije afeou “o comportamento dalgún restaurante que tira o lixo as doce da mañá, sen bolsa, cando está o contedor recén lavado, entón ese traballo realizado non serviu para nada. Ese comportamento tamén o estamos a sufrir con algún establecemento de restauración de Ribadeo. Ese tamén é outro comportamento contra o que temos que loitar desde o Concello”, aseverou.

Jorge Díaz falou tamén da desinfección en rúas e beirarrúas: “estase a desinfectar dous días á semana, pasando polas beirarrúas un par de días á semana, poñemos os mércores porque hai máis tráfico de persoas polo tema do mercado e outro días dependendo da dispoñibilidade do persoal e atendendo a criterios meteorolóxicos porque se está chovendo moito a solución acaba diluída e non fai o efecto que ten que facer”, finalizou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here