O acusado de abusar sexualmente da filla menor da súa parella en Viveiro nega os feitos

A Fiscalía e maila acusación particular reclaman doce anos de cárcere para o procesado, así como unha orde de afastamento e unha indemnización económica para a vítima

Audiencia Provincial de Lugo. GOOGLE MAPS

EFE. A Fiscalía solicita doce anos de cárcere para un home residente en Viveiro acusado de abusar sexualmente da filla da súa parella sentimental desde que a nena tiña once anos, pero o procesado nega os feitos e a súa defensa pedirá no xuízo, que comezou esta mañá na Audiencia Provincial de Lugo a porta pechada, a libre absolución do seu cliente, en prisión preventiva por eses feitos desde o 18 de outubro do pasado ano.

A avogada que exerce a acusación particular considera probados os feitos e pedirá para o acusado doce anos de cárcere, vinte de afastamento da vítima e unha indemnización para a nena de 40.000 euros.

O ministerio público, ademais de pedir para o procesado doce anos de cárcere, solicitará que indemnice á vítima con 10.000 euros, así como que se lle prohiba achegarse á nena ou comunicarse con ela durante un período de 15 anos.

Así mesmo, a Fiscalía, que considera os feitos constitutivos dun delito de continuado de abuso sexual, pide que o acusado permaneza en situación de liberdade vixiada durante dez anos unha vez que cumpra a pena de reclusión.

Segundo o escrito de acusación do ministerio público, o procesado levaba uns nove anos convivindo coa súa parella e coa filla menor desta nun domicilio situado na provincia de Lugo.

Cando a nena tiña once anos de idade, o “procesado comezou a aproximarse” a ela “coa intención de realizar con ela actos encamiñados a satisfacer os seus instintos libidinosos, vulnerando a liberdade sexual da menor”. Para iso, engade, aproveitaba as ocasións nas que se quedaban “a soas” coa nena.

A DEFENSA PIDE A LIBRE ABSOLUCIÓN

A nai da menor, que comparece como parte no xuízo, reclama en nome da súa filla a indemnización correspondente polos danos morais causados á nena.

O letrado que se ocupa da defensa do procesado, antes de entrar na vista oral, explicou a Efe que o acusado mantivo en todo momento a súa inocencia, nega os feitos que lle imputan a acusación particular e o ministerio fiscal, e confía na absolución.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here