Detido cun machete e granadas de paintball en Viveiro tras burlar o toque de queda e tentar bater nun axente

De acordo coa Policía Nacional, a persoa arrestada, de 44 anos, ía sen máscara e conducía un vehículo coa ITV caducada, ademais de negarse a pasar a proba de alcolemia

Machete incautado. POLICÍA NACIONAL

O dispositivo conxunto ‘anticovid-19‘ da Policía Nacional e Policía Local de Viveiro da pasada fin de semana saldouse cun detido, segundo informou o corpo policial a través dun comunicado de prensa. Neste marco realizáronse controis aleatorios en previsión de ‘botellóns‘, infraccións ao toque de queda e ao horario de peche da hostalería.

Sobre as 00.30 horas da madrugada do domingo 29 de novembro, segundo relataron os axentes, detectouse a presenza dun vehículo sospeitoso circulando pola Praza de Lugo, invadindo o carril contrario de circulación. O condutor, veciño de Viveiro de 44 anos, encarouse aos Policías actuantes, proferindo ameazas e insultos de todo tipo, tentando golpear a un deles, polo que foi detido por atentado e resistencia a axentes da autoridade.

Granada simulada. AXM

A persoa arrestada, expón a Policía Nacional na nota, “presentaba sintomatoloxía de consumir alcol, polo que foi denunciado como investigado trala súa negativa a someterse á proba de alcolemia“. Revisado o interior do vehículo, intervéuselle un machete de 17 centímetros de folla, dúas granadas simuladas de paintball e un gramo de sustancia en po branco, ao parecer cocaína. Tras prestar declaración en Comisaría, o detido foi posto a disposición da autoridade xudicial.

Tamén foi proposto para sanción administrativa por infracción da normativa de prevención fronte ao Covid-19, relativa á limitación de circulación en horario nocturno (toque de queda), á obrigación de levar máscara; por posuír para o consumo drogas e levar armas prohibidas; finalmente, por circular sen pasar o seu vehículo a ITV obrigatoria.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here