Recollen sinaturas para que non se arquive a denuncia polas gravacións con cámara oculta na Maruxaina

Bumei afirma que se colocaron en dous coches cinco cámaras nun calexón de San Cibrao para captar "mulleres e nenas" ouriñando e "comercializar" as imaxes "en páxinas web de pago"

Celebración da Maruxaina. AXM

A asociación Mujeres en Igualdad de Burela (Bumei) iniciou unha recollida de sinaturas telemática para reclamar que non se arquive a súa denuncia polas gravacións con cámara oculta de mulleres ouriñando na festa da Maruxaina, en San Cibrao, tal e como decidiu o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro. As imaxes foron capturadas desde distintos ángulos e subidas a páxinas web pornográficas, pero o xuíz non apreciou “suficientemente acreditado” un delito de vulneración da intimidade ao entender que as mozas “estaban nun sitio público, onde podían ser vistas por calquera persoa que por alí transitase”.

Na petición, que pode consultarse nesta ligazón, o colectivo lamenta que “80 mulleres e nenas foron gravadas sen permiso ouriñando, e logo publicáronse as imaxes en páxinas web porno”. A agrupación expón que, no contexto dunha festa “que congrega a milleiros de persoas de todas partes e ten unha repercusión mediática grande”, e como “en todas as festas de localidades pequenas, os baños públicos son insuficientes para o número de asistentes, polo que moita xente opta por ouriñar na rúa”.

Así, sinala que as mulleres escolleron “un calexón con entrada restrinxida para coches”, polo que “malia ser unha vía pública trátase dun lugar afastado e con certo acceso restrinxido, non un sitio de paso”. Bumei sostén que “dous coches foron a este lugar, un deles alquilado, e colocaron cinco cámaras en tres lugares distintos para gravar a mulleres e nenas ouriñando. Tamén se gravaron imaxes cunha cámara nocturna mentres se camiñaba polo paseo”, indica.

CALCULAN QUE AS AFECTADAS SUPERAN O CENTENAR

A partir de que a parella dunha das persoas afectadas a recoñecese en internet, foise descubrindo “que estas imaxes foran utilizadas para comercializarse en varias páxinas pornográficas de pago. Recoñeceron a unhas 80 mulleres e nenas que aparecen, pero crese que pode haber máis de 100. Alí tamén descubrimos que as cámaras que puxeron non eran do móbil, senón que eran cámaras profesionais, xa que as imaxes eran moi nítidas”, salientan desde a asociación, censurando que nas pezas audiovisuais “víanse as partes íntimas das mulleres e ata o rostro de algunhas”.

Entre as vítimas “hainas que están necesitando apoio psicolóxico, é moito máis grave do que se pensa. Trátase, dunha violación dos nosos dereitos como mulleres e, á fin e ao cabo, dunha agresión que directa ou indirectamente sufrimos todas“, conclúe Bumei, que traballa en posibles actos de protesta para visibilizar esta situación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here