Veciños de Xunqueira: “é duro ver como o traballo de moito tempo se vai en cinco minutos”

A veciñanza do barrio viveirense, onde unha muller faleceu por mor dunha riada, conta a anguria de ver o torrente de auga anegar as súas casas ou arrastrar os seus coches

Salón da vivenda de Sofía Sánchez, en Xunqueira. Á esquerda pódese comprobar a altura que alcanzou a auga. AXM

A que conta Sofía Sánchez é unha historia de terror. “Foi un susto grande. Non había luz e os pícaros berraban”, expón aguantando as bágoas.

De noite, estaba soa na casa cos seus fillos, pois o seu home estaba a traballar. Desde a segunda planta do edificio, a das habitacións, sentiu “un ruído, como se entrase a auga”.

“Tentamos baixar e a planta baixa estaba anegada”, explica mentres mostra unha marca do caudal nunha parede de máis dun metro de altitude.

Sánchez é unha das veciñas de Xunqueira, no concello de Viveiro, afectada por unha riada que se produciu no río Fontecova na noite do pasado domingo e que deixou unha vítima mortal, Amparo Berdeal Camba, de 83 anos.

O torrente de auga anegou a maioría das vivendas do barrio e a crecida do río Labrada afectou tamén ao centro da cidade do Landro, causando desperfectos en ducias de baixos e en alomenos 50 negocios, boa parte deles de hostalería.

VOLVER COMEZAR

A falta de que os peritos cuantifiquen os desperfectos, Sánchez sabe que tocará volver comezar; a riada estragou o salón da casa, a cociña ou un baño.

Dolores Vidal, que leva 43 anos dos 71 que ten en Xunqueira, narra unha anguria semellante. “Pasei moito medo. Non chamei á familia porque non se podía pasar. Vías como pasaban flotando os contedores do lixo, barrís, os coches…”, enumera.

Ao tempo que a grúa marcha co seu coche, Gonzalo Folgueira relata a impotencia de ver como a riada levaba os dous turismos, o seu e o da súa parella, do garaxe. “Os vehículos ían flotando e non podes facer nada. O peor é a rapidez coa que traballo de moito tempo se vai en cinco minutos”, sinala.

Folgueira vive nun segundo piso, polo que o seu fogar non padeceu danos, pero si o dos veciños, que ficou anegado. “Tiveron que pasar a noite na nosa casa e a ver que pasa con eles, porque un coche cámbiase pero unha vivenda… Hai xente que non ten para onde ir”, sostén.

Luisa Soto viviu unha noite dura. Conta que durmiu catro horas, de catro a oito da mañá. Na madrugada viu como o torrente de auga fendía a porta do garaxe que rexenta, Xunqueira 63.

a auga levou tres coches dun garaxe, rompeu un muro de formigón e desprazounos a uns 300 metros

“Armouse unha bolsa de auga tremenda, con moitas ramas e árbores. Rebentou e era tanta a que había que isto mediouse rapidamente”, relata.

O caudal tiña tal forza que levou do garaxe tres vehículos, tras romper un muro de formigón, ata a zona coñecida no barrio como “o lavadoiro”. Un dos turismos acabou nas cercanías dun campo de fútbol situado a uns 300 metros do seu negocio.

Un dos vehículos, “case novo”, pertencía á familia de Loli Yáñez, que este luns cumpre 74 anos. É o cumpreanos máis amargo que recorda. “Nacín aquí e vivo aquí, e nunca tan mal o pasei. Armouse todo nun cuarto de hora”, indica. 

algúns veciños comprobaron o rego de valdeflores ás dez da noite e non viron nada raro. ás once tiñan as casas anegadas

Yáñez ou Folgueira resumen a perplexidade de moitos que comprobaron o caudal do río sobre as dez da noite e non viron nada alarmante. Unha hora máis tarde, o torrente de auga tomara as casas do barrio. 

PREVISIÓN METEOROLÓXICA

Segundo o prognóstico meteorolóxico, non se esperaban precipitacións torrenciais, senón temporal costeiro. “Había alerta laranxa pero parecía que non nos tocaba. Días atrás si activaran a alerta por chuvias e estabamos avisados. E mira, non pasou nada. Pero isto colleunos desprevidos”, expón Folgueira.

A XUNTA FALA DE SITUACIÓN “EXTRAORDINARIA”

Neste senso, a Xunta de Galicia fala de situación “extraordinaria”. No Penedo do Galo, segundo explicou o delegado territorial do Goberno galego, José Manuel Balseiro, rexistráronse 80 litros por metro cadrado en tres horas, dos que 30 caeron en 30 minutos, desde as 21.40 horas ás 22.10.

entre as 21.40 horas e as 22.10 caeron 30 litros por metro cadrado en media hora na estación de penedo do galo

O voceiro do Executivo autonómico asegurou que “non é o momento de buscar culpables, senón de buscar solucións”, unha idea na que insistiu tamén a alcaldesa, a socialista María Loureiro, que lembrou que “foi inesperado, ninguén prevía isto”.

CRÍTICAS A AUGAS DE GALICIA

Sen embargo, varios veciños teñen claro cal foi un dos problemas, dada a cantidade de maleza e árbores arrastrados.

Chus Vale, edil do PP e propietaria dunha casa anegada en Xunqueira, afirma que Augas de Galicia, competente na limpeza dos ríos nas zonas non urbáns, “tivo varios requerimentos dos veciños e máis do Concello para limpar e non o fixo”.

O mesmo afirma Eugenia Pérez, que, soa na casa, tentou evitar con dúas bombonas de butano que a auga se coase no seu domicilio. O torrente de auga estragou, na planta baixa, a cociña e máis a sala.

“antes, os veciños limpabamos o río. agora, se o fas hai multa. isto é unha consecuencia”, aseguran en xunqueira

Cando tiña doce anos, os veciños limpabamos o río. Había troitas, tiñámolo perfecto. Agora, Augas de Galicia non deixa cortar árbores, se limpas hai multa. Isto é a consecuencia”, argumenta.

SOLICITUDE DE ZONA CATASTRÓFICA

Loureiro evitou cuantificar os danos ocasionados pola riada e asegura que o goberno local céntrase por agora en axudar aos veciños, para o que habilitou unha oficina de asesoramento.

A rexedora afirmou que o Concello estudará solicitar a declaración de zona catastrófica, aínda que insistiu na necesidade “de ir paso a paso”.

Loureiro estivo acompañada polo presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, a subdelegada do Goberno central, Isabel Rodríguez, e Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. Tamén visitou a zona o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.

Tanto Xunta como Deputación colaboran co Concello en tarefas de limpeza. O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, reiterou compromiso do Executivo central coa tramitación das solicitudes de axudas estatais.

MÁIS DE 50 COMERCIOS AFECTADOS

Segundo asegurou Isabel Méndez, xerente do Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV), a riada pola crecida do Labrada afectou a “máis dun centenar de socios” dos 138 asociados cos que conta a agrupación de comerciantes.

A praza da Fontenova foi un dos lugares máis afectados, segundo expón a xerente do colectivo de empresarios, así como a rúa Pastor Díaz e a travesía.

o labrada, que asulagou a CIDADE DO LANDRO, DANOU MÁIS DUN CENTENAR DE COMERCIOS DÍAS ANTES DO BLACK FRIDAY

Méndez agradeceu “a solidaridade” mostrada entre os socios, ofrecéndose locais ou maquinaria para a posta a punto dos comercios, e asegurou que os empresarios de Viveiro tentarán ter todo listo “como mínimo a mediados de semana” para abrir e aproveitar unha data chave, a do Black Friday, o vindeiro venres.

A xerente asegura que “é demasiado cedo” para cuantificar os danos, aunque ascenderán de seguro e como mínimo a decenas de miles de euros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here