InicioEconomíaA costeira do bonito e o segundo verán da COVID, están preparadas...

A costeira do bonito e o segundo verán da COVID, están preparadas as tripulacións?

A pesca do bonito pon o ollo sobre as tripulacións e as posibilidades de contaxio por COVID. Debido á maior frecuencia de arribadas e saídas dos boniteiros, a posibilidade de control sobre tripulacións afectadas convértese nunha cuestión difícil de resolver, iso a pesar da redución do número de barcos que se dedican a esta pesca.

Publicada o

- Advertisement -

A campaña de vacinación en barcos faríase mediante a comunicación ao Instituto Social de la Marina (ISM) do número de mariñeiros embarcados por parte do armador. Desta maneira o ISM tería a capacidade de ir aplicando as doses pertinentes. No caso concreto da costa luguesa, desde a Confraría de Pescadores de Burela sinalan o ritmo de inoculación é bo mais o proceso aínda está en marcha. En tal caso, algunhas voces apuntan a falta de datos concretos sobre número de mariñeiros inmunizados. Por outra parte, non só o ISM é o lugar onde debe constar o persoal embarcado cuberto pola correspondente dose, senón que o SERGAS debe ter tamén rexistrada a cada persoa integrante dunha tripulación.

RITMO VACINACIÓN E PRECAUCIÓNS

“En Lugo imos a bo ritmo aínda que no se completou todo o espectro de tripulantes” di Basilio Otero presidente da Confraría de Pescadores de Burela. “De momento estase a vacinar as tripulacións de altura coa monodose de Janssen”. As diferenzas coa campaña anterior segundo Otero, son o aumento de EPIs, campañas para saber como actuar en caso de contaxio abordo. “Xa se coñece como se transmite e cales son as medidas sanitarias. Hai un antes e un despois do ano pasado con respecto a este” destaca Basilio Otero.

“Desde o minuto un estivemos concienciando aos armadores e ás tripulacións, pois aínda vacinados, non se pode baixar a garda”. Non obstante, Otero recoñece que o risco si diminuiu e iso que non toda a frota está inmunizada. “É responsabilidade do armador comunicar a tripulación que ten a cargo” sinalan desde UGT. O mesmo sindicato confirma a elección das doses Janssen “mais non sabemos cal é o ritmo de vacinación esta semana, hai dúas si se inxectaban as doses de maneira rápida”.

Os casos de barcos en corentena nos peiraos en Galicia tamén afectou ao porto burelés, mais “quen decide se o barco permanece ou non en corentena é Sanidade” remarca Otero que engade “a nós non se nos deron casos en barcos cubertos pola vacina”. Sobre a afectación económica que puideron ter as corentenas nos ingresos económicos por capturas “só se deixou sentir entre os dez ou doce días en que baixou o número de capturas, este ano esperamos ter a situación máis normalizada”. O número de embarcacións este ano está entre seis e sete e terán o apoio dun barco do ISM.

XUNTA CULPA A MADRID E MADRID Á XUNTA

A elección dos grupos prioritarios para seren vacinados non foi doada. Así os mariñeiros de alta mar e doutras tripulacións que pasan períodos de máis dunha semana navegando, son un colectivo sobre o que paira a falta de información no tocante á súa inmunidade. En principio tanto o SERGAS como o ISM deberan ter a lista de persoas cubertas pola Janssen ou outras marcas.

“Os sindicatos non temos datos oficiais sobre a incidencia da vacinación” sinala Xabier Aboi de CIG Mar. “A cuestión foi que desde a Xunta miraban para Madrid e Madrid non sabía quen poñer como prioritario para vacinar”.

Nese sentido, a Consellería de Mar sinala que “desde a Xunta de Galicia tomouse a decisión de proceder á vacinación da frota galega toda vez que o Estado rexeitou reiteradamente establecer este colectivo como prioritario e rexeitar que fose o ISM quen, tendo a estructura máis propicia para proceder á vacinación, se fixese cargo”.

“Non temos noticias de se foron vacinadas ou non as tripulacións do bonito”. Segundo o portavoz de CIG Mar “nin a Xunta dá noticias nin o Ministerio de Sanidade, é unha desinformación total en todo o sector”. A conclusión para Aboi é que a COVID “dá para moita propaganda, a culpa é de Madrid e a Xunta non fai nada mal, nin sequera organizar”

A Consellería de Mar indica pola súa parte que levan xa “dúas semanas vacinando á frota dando prioridade ás tripulacións que faenan en altura e gran altura”. Para iso, desde a Xunta “promovemos e acordamos un sistema de colaboración con federacións, asociacións e organizacións do sector mailo ISM”. O obxectivo é recabar e confirmar os datos e “citar ás tripulacións progresivamente nos hospitais do distrito sanitario correspondente e proceder á inoculación (agrupados por tripulación e embarcación) coa vacina monodose de Jansen”.

As tripulacións que faenan ao bonito esta campaña deberan estar vacinadas coa monodose de Janssen. A situación, segundo o sector, parece ir normalizándose aínda que non se sabe con certeza se todas as tripulacións están inmunizadas. As cuestións competenciais en materia de sanidade e pesca tamén foron un atranco segundo algunhas voces para a inoculación do remedio aos mariñeiros. De momento aínda van unhas semanas, ao final da campaña coñecerase a incidencia este verán.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...