Como cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana.
BARREIROS
Barreiros exalta o cocido o sábado, no polideportivo de San Cosme a partir das 21.30 horas. Os interesados en asistir á festa gastronómica poden reservar as súas entradas -a un prezo de 20 euros para adultos e de dez para nenos- no teléfono 659.392.666. A disco-móbil Eventec amenizará o baile.
BURELA
O venres, Antía Yáñez presentará a súa premiada novela ‘Senlleiras’ no local de Batuko Tabanka, a partir das 20.00 horas.
O sábado, a compañía de monicreques A Xanela do Maxín recreará en Burela ‘O murmurio do mar‘, un espectáculo para toda a familia. Comezará ás 18.00 horas, no auditorio.
Esa mesma tarde, Vista Alegre celebrará unha nova tarde laranxa. Abrirán o programa as actuais lideresas da Liga Foro 16 Feminismo, ás 15.45 horas contra o Móstoles. O Pescados Rubén FS masculino afrontará un complicado e apaixonante derbi galego contra o Santiago Futsal, desde as 18.30.

O domingo, ás 20.00 horas, proxectarase no auditorio a película ‘Contou Rosalía‘ (2018), na que Melania Cruz interpreta á escritora.
CERVO
Cervo celebrará o Día de Rosalía cun concerto de Rosa Cedrón este venres, a partir das 20.30 horas na casa da cultura de San Cibrao. A entrada é de balde.
A vila sancibrense festexará o sábado unha nova edición da Festa do Mexillón, con degustación nos diferentes establecementos de hostalería a partir das 19.00 horas.
O domingo, a partir das 12.00 horas, Antía Yáñez presentará a súa obra no Caseto de Copa, nun acto organizado por Fervenza de Sargadelos no que se lerá o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

MONDOÑEDO
Mondoñedo ofrecerá unha fin de semana de maxia. O venres haberá un roteiro polos locais do municipio e o sábado, obradoiros, espectáculos para nenos e unha gala final, a partir das 19.30 horas.

O Campamento Diocesano de Mondoñedo celebra os seus 40 anos cun espectáculo musical. Será o sábado, a partir das 18.30 horas, con entrada de balde. Participarán Tere Nécega e Tono Alonso, Dominus Tecum, Disco Compacto e P. I. L. I..
OUROL
Os Aturuxeiros de Bravos propoñen un concurso de postres o domingo, a partir das 18.00 horas.
O VALADOURO
O sábado, desde as 19.30 horas, o consistorio do Valadouro acolle unha mesa redonda sobre a velutina. O encontro enfocarase ao trampeo de raíñas, coa presenza do experto catalán Gustavo Pou, de José María Vázquez e do concelleiro de medio ambiente, Luís Maseda.

RIOTORTO
A doutora en Historia Contemporánea Alba Díaz-Geada, natural de Alfoz, falará o sábado na Órrea sobre o despoboamento e o medio rural. O coloquio, conducido por Rosa Veiga, comezará ás 17.00 horas no local parroquial, e ao seu remate haberá petiscos.
RIBADEO
Este venres, Acisa Ribadeo celebra a súa gala anual, que amenizará o grupo La Malquerida. No evento renderase homenaxe pola súa xubilación aos empresarios Carmen Valdés, Ramona Reigosa, José Luis Botana e Ramón Leivas.
Susana Seivane presentará o seu disco ‘Fa’ en Ribadeo. O concerto, con entradas a dez euros, será o sábado no auditorio Hernán Naval a partir das 21.00 horas.
Comeza o Entroido en Ribadeo, coa Festa do Freixó, o sábado e mailo domingo.
TRABADA
Trabada celebra o venres unha nova edición dos seus Cantos de Taberna, coa participación de catro locais.
VIVEIRO
O grupo galego de rock Nao actuará en Viveiro este sábado, en El Garaje. O concerto comezará á medianoite, e as entradas pódense adquirir a un prezo de dez euros no propio local ou en contacto@somosnao.com.
Tamén o sábado, aínda que a partir das 18.00 horas, haberá teatro infantil. Elefante Elegante recreará a obra ‘Patapatúm‘.
Viveiro sumarase ao Día de Rosalía cun acto sorpresa o domingo nas rúas da cidade. O 25, os socios da biblioteca municipal que collan un libro serán agasallados cunha bolsa ilustrada con versos da poeta.