Berta Dávila Fernández recibiu este sábado o premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores, que convoca o Concello de Mondoñedo en colaboración coa Deputación de Lugo.
A poeta santiaguesa levou a décimo novena edición do certame pola súa obra ‘Limiar‘, polo que recibirá 1.500 euros, praca e diploma
O segundo premio, dotado con 600 euros, foi para o pontevedrés Alexandre Fernández Peón, que escribiu ‘Crónica bélica da devastación en cinco minutos’.
A lucense Laura López Esteban acadou o terceiro premio, cunha dotación de 300, por ‘Renacer‘. O segundo e o terceiro galardón tamén constaban de praca e diploma.
O xurado que fallou os premios estivo integrado por Áurea Ramil, Armando Requeixo e José María Felpeto.

ACTO DE ENTREGA
A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, destacou no acto de entrega “a aposta pola promoción do xénero poético, neste caso en lingua galega. A nosa cidade é berce de grandes mestres da literatura e da poesía”, explicou a rexedora, que destacou que o municipio convoca tamén o premio Leiras Pulpeiro para a arte poética.
Pola súa banda, a delegada de cultura da Deputación, Pilar García Porto, asegurou que o premio “segue mantendo vivo a chama e o espírito desta estirpe de escritores e xornalistas mindonienses, que defenderon sempre a súa terra, a súa lingua e a súa cultura”.
