InicioEconomíaObreiros das auxiliares, esenciais e vulnerables: "somos traballadores de Alcoa, pero con...

Obreiros das auxiliares, esenciais e vulnerables: “somos traballadores de Alcoa, pero con outra funda”

A industria auxiliar de San Cibrao, que achega 400 operarios só na planta de aluminio ameazada de peche pola multinacional, supón preto dun milleiro de empregos na Mariña Lucense

Publicada o

- Advertisement -

“Os obreiros das auxiliares somos dependentes e sempre saímos perdendo. Estamos tan vinculados a Alcoa que se nos pode considerar como outros traballadores calquera, pero á hora da verdade non somos ninguén”. Así resume Abel Castaño a situación dos obreiros das contratistas, que reclaman que se aborde tamén a súa problemática específica no Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que a multinacional vén de presentar na planta de aluminio. Para comprobar realmente o impacto social da medida na Mariña Lucense, aos ata 534 despedimentos na factoría habería que sumar outros 400 na industria auxiliar do complexo de San Cibrao.

Natural do Occidente de Asturias, Castaño conta no idioma do Eo-Navia como comezou a traballar hai catro anos en Cotelsa, unha das dez empresas auxiliares que ten o 100% dos contratos na planta de aluminio, e que de saír adiante o ERE estarían abocadas a pechar.

A situación dos traballadores destas firmas é de absoluta dependencia e bordea, consideran algúns, o prestamismo laboral. “Eu teño contrato con Cotelsa, pero os meus xefes na práctica son os encargados do departamento de Alcoa, en mantemento e fundición; eles, e non os nosos superiores, son quenes fan o meu plan de traballo semanal: se hai que reparar unha ponte-grúa, un forno… Aluminio é a miña casa, só que temos distinta cor de funda“, admite.

“DESAMPARADOS” NAS NEGOCIACIÓNS FORMAIS DO ERE

Os sindicatos quéixanse de que, malia esta dependencia, Alcoa afastounos do período informal de consultas do ERE -si poideron estar na mesa multilateral coas empresas e Administracións- e non terán representación legal nas negociacións formais do despedimento colectivo. “Estamos desamparados”, remarca o voceiro da plataforma que aglutina aos delegados sindicais das auxiliares, Quique Rocha. Por iso solicitarán de xeito formal a Xunta de Galicia e Goberno central que garantan que se abordará a súa problemática nas conversas. Tamén chamarán ás propias empresas para que se unan aos operarios a fin de “facer unha fronte común” pola súa propia supervivencia.

FORON “OS PRIMEIROS EN CAER”

Rocha lembra que os obreiros das auxiliares foron “os primeiros en caer“, porque a renuncia de Alcoa a manter o cambio de cubas, as tarefas que garanten a conservación da maquinaria unha vez chega á fin da súa vida útil, supuxo a suspensión de 45 empregos en Reymogasa e Cyrgasa, e a aprobación dun calendario de vacacións rotativo en Rodabell para evitar que outros oito obreiros entraran en Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte).

A industria auxiliar de Alcoa supón arredor dun milleiro de empregos ao servizo das necesidades das plantas de aluminio e alúmina: case a metade dos postos de emprego fixos que derivan do complexo industrial.

Abel Castaño, á dereita, na manifestación de Ribadeo. AXM

ALGUNHAS FIRMAS SON TAN ANTIGAS COMO A PROPIA PLANTA E PARTICIPARON NA SÚA CONSTRUCIÓN

Son arredor de 30 as firmas que traballan nalgunha das dúas plantas, algunhas tan antigas como a propia fábrica -“Reymogasa, Cyrgasa e Cotelsa xa fixeron traballos de construción do complexo industrial de Alúmina-Aluminio“, concreta Rocha-, e outras recén chegadas, como Dominion, que asumiu o mantemento no departamento de dixestión de alúmina e trala pelexa sindical aceptou subrogar 65 operarios de Reymogasa. Durante décadas, estas firmas deron estabilidade laboral e mesmo supuxeron para moitos traballadores a mellor forma de tentar acceder a un emprego nalgunha das dúas factorías, unha sorte de ponte.

Reymogasa, Cotelsa, Cyrgasa, TerpilJofrasaNogueraIndustrias XovePasek, GarmilMaesa e IsotrónRodabellMecanizados RodabellMontaxes RodabellSaur XoveTalleres NogueraMaycoSertosa NorteDominionDaorjeMantenimientos Mafer e Recalnor teñen representación na coordinadora das auxiliares.

CATRO MEMBROS DUNHA FAMILIA TRABALLAN EN AUXILIARES: “PARA NÓS O PECHE SERÍA UN CAOS”

Castaño, que ten unha nena de seis anos, casou hai dez anos en Foz e renunciou a un contrato indefinido en Astilleros Armón para “achegarme á casa. Pensei que isto me ía dar estabilidade, estar nunha auxiliar que leva 40 anos aquí, que xa comezou coa construción da fábrica de aluminio. Pensaba que podía ter un porvir máis tranquilo, pero se isto pecha será volver comezar“, explica.

A súa familia representa á perfección a importancia da industria auxiliar no tecido social e económico da Mariña Lucense.

“A miña muller, Raquel Blanco, e meus cuñados Verónica e Roberto traballan no departamento de dixestión de alúmina, con Dominion, antes fixérono en Reymogasa. Meu sogro, José Blanco, está en Cyrgasa”, explica Castaño. Outro cuñado, Luis Sixto, traballa en electrólise. “Non somos a única familia que está nesta situación; coñecemos tres irmáns que traballan nunha empresa… Este complexo industrial ten moita pegada laboral”, salienta.

“Quitando a meu sogro, con 59 anos, o resto temos entre trinta e poucos e corenta e poucos. Para a nosa familia o peche do complexo industrial suporía un pau tremendo, unha situación de caos. Temos nenos que xa se afixeron a esta zona, hipotecas, letras… Unha vez tes a vida formada non é tan doado ter que moverte”, resalta.

A MARIÑA, EN RISCO DE DESMANTELAMENTO INDUSTRIAL

Familiares de Castaño traballaron nas concas mineiras asturianas, polo que coñece “bastante de preto” o proceso de desmantelamento industrial e despoboamento na zona. “Pobos que  morren pouco a pouco, sen ser algo inmediato, no que apenas quedan xubilados, negocios que van subsistindo coa pouca xente que hai e co turismo, e a xente nova a vir só nas vacacións”, resume.

“Véxolle paralelismos”, sostén. “Nas concas comezaron a pechar pozos de carbón pouco a pouco, uns centos de persoas para a rúa, anos despois outros centos, e agora aquí se pecha aluminio quedará o mínimo”, sinala. “A primeira hostia levarémola os traballadores, pero isto vai crear un efecto dominó“, prevé. “Pensar que podemos atopar traballo en Ribadeo, Viveiro ou Burela é mentira. Se caen 1.000 empregos entre obreiros de aluminio e de auxiliares, onde se poden recolocar na comarca? De que vai vivir o comercio? Que servizos vai manter o Hospital da Costa?”, pregunta.

“SOMOS UNHA FÁBRICA ESTRATÉXICA, DEBERAN INTERVILA”

Sobre unha posible solución ao conflito laboral, Castaño veo “complicado. O Goberno non aproba o estatuto das electrointensivas, a Xunta de Galicia non fai moito máis que botar culpas e ninguén dá a cara por nós”. Considera “a intervención” a única solución para o mantemento da produción e dos empregos, unha medida que lle parece xustificable: “penso que somos unha fábrica estratéxica, non pode ser que nin sequera haxa unha factoría en España que faga aluminio primario”.

Con todo, a falta de investimentos por parte de Alcoa facía pensar no peor. “Eu son de preto de Navia, e a de Ence foi construída máis ou menos no tempo desta. E xa lle coñezo tres ampliacións fortes; isto está máis ou menos igual, polo que me din. Aquí parece que non se meteron cartos. Esta planta aínda pode tirar varios anos sen gastar unha peseta, pero se hai quen a compre cun plan a medio prazo sabe que necesitará facer un gasto importante que non se fixo”, subliña Castaño.

DE “IMPRESCINDIBLES” A “INNECESARIOS” EN TRES MESES

Malia que por agora as empresas auxiliares non notificaron ningunha medida aos seus empregados, os obreiros das contratistas saben que non tardarán de saír adiante o ERE pretendido por Alcoa.

“Cando foi o brote de Covid-19 díxosenos que non poderiamos parar, que eramos imprescindibles, aínda que se barallou reducir o mantemento para axudar a evitar aglomeracións. Á fin traballamos a pleno rendemento e mira agora; meses despois, pasamos de ser necesarios a ter o peche enriba da mesa, despois de xogarnos un contaxio“, lamenta Castaño. Esenciais e vulnerables.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...