InicioA Universidade de Vigo publica o primeiro dicionario do galego de Asturias

A Universidade de Vigo publica o primeiro dicionario do galego de Asturias

O autor Carlos Xesús Varela Aenlle, percorreu durante vinte anos os concellos da zona Navia-Eo recollendo termos e significados. Destaca a dobre asimilación do galego nesta área, por unha banda a da Academia da Llingua Asturiana e polo castelán.

Publicada o

- Advertisement -

O Dicionario do Galego de Asturias, de Carlos Xesús Valrea Aenlle, foi presentado na Universidade de Vigo. É  un volume de 800 páxinas con máis de 32.000 entradas e 50.000 significados. Carlos Xesús Varela Aenlle, xeógrafo de formación, é doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e académico correspondente da Real Academia Galega para o Eo-Navia.

O dicionario foi editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. Segundo explican desde a UVigo, a obra naceu da necesidade imperiosa de recoller a riqueza léxica da área lingüística dialectal da comarca do Eo-Navia, formada por 19 concellos do occidente de Asturias.

O dicionario presentouse nun acto celebrado no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, un acto no que o autor estivo acompañado polo director do Servizo de Publicacións da UVigo, Jorge Luis Bueno, para quen este foi un proxecto “especialmente ilusionante”, xunto a eles estivo tamén o catedrático de Filoloxía Galega Xosé Henrique Costas.

“UNHA OBRA COLOSAL E MOI VALENTE”

O traballo de campo para este dicionario durou 20 anos en que o seu autor “foi aldea por aldea, gravando, anotando, baleirando todo todo todo o que foi escrito en galego nesa zona, dende diarios persoais, ata folletos de festas, poemarios, libros de contos, revistas, xornais e mesmo algúns glosarios chegados de emigrantes eonaviegos de puntos tan distantes como Arxentina”, explicou o profesor Xosé Henrique Costas.

O propio Costas subliñou a importancia da descuberta realizada por Varela Aenlle no soto da Real Academia Española en Madrid: un dicionario do filólogo Dámaso Alonso da década de 1940, 7000 fichas depositadas en caixas de zapatos que el mesmo foi baleirando unha a unha, cada unha cos seus debuxos e anotacións, todo un tesouro que lle deu os folgos precisos para seguir adiante co proxecto. “Chamándolle ás cousas polo seu nome é unha obra colosal, moi necesaria e moi valente”, recalcou Costas, quen afondou na súa intervención na situación actual do galego en Asturias, “unha lingua dobremente negada pola oficialidade”.

Todo este traballo fíxose, tal e como salientou o autor, Varela Aenlle, “como contribución á necesidade da existencia dun Dicionario Dialectolóxico do Galego en todos os territorios onde se fala, e á defensa dunha lingua tan propia de Asturias, como é o galego, xunto ao asturiano, e tan discriminada”. Foi unha tarefa non carente de múltiples dificultades, entre elas, “a falta de financiamento, de apoio por parte da RAG en varias ocasións –non en todos os mandatos-, así como doutros organismos dedicados á lingua”, eivas que o autor foi suplindo coa “colaboración de moita xente de a pé, a maioría dela anónima”.

Iniciou este traballo como parte da súa tese de doutoramento e ver agora publicado o dicionario supón “unha satisfacción e un reto persoal”, ademais da alegría de poder pór a disposición pública “un documento imprescindible para os eonaviegos, que son os verdadeiros artífices da conservación da lingua e dos seus termos”.

CORENTA MIL PERSOAS FALAN GALEGO NO EO-NAVIA

Entre os ríos Eo e Navia 40.000 persoas usan habitualmente algunha das tres variedades galegas orientais que alí se empregan. “É un galego negado, non recoñecido no Estatuto Asturiano, un galego asoballado pola Academia de la Llingua Asturiana, que o considera irracionalmente un dialecto do asturiano e un galego que resiste nunhas condicións de dobre asimilación. Pero é galego”, explicou o catedrático de Filoloxía Galega Xosé Henrique Costas, ao que engadiu que o dicionario “ofrece solucións terminolóxicas excelentes ao galego común, pode encher lagoas léxicas do galego e, sobre todo, pode contribuír grandemente á lexicografía enxebre do galego”. Os exemplos poderían ser múltiples, entre eles mencionou casos como “levar en pampaneira” = “llevar en volandas!: “botar un derrumbio” = “jugar una pachanga”, etc.

“Ata o de agora ninguén quixera publicar este traballo, nin en Galicia nin tampouco en Asturias”, tal e como salientou na presentación Jorge Luis Bueno, quen recoñeceu que cando lle chegou a proposta ao servizo da man do profesor Costas non dubidou que se trataba dun “traballo lexicográfico inxente” que non podía quedar só nun arquivo dixital. Apostaron pola edición en papel “como se facía outrora dende a academia”. Para Bueno, Varela Aenlle deixa constancia no dicionario “da riqueza dunha lingua galega que ficou da outra beira da raia administrativa, unha lingua que non recibe ningún ou case ningún apoio de case ningures”, pero que segue aí porque “as linguas non entenden de fronteiras e móvense cos seus falantes dun xeito transfronteirizo”.

O PROCESO DE RECOLLIDA SEGUE ABERTO

Co vocabulario dividido por parroquias e concellos, cada entrada do dicionario aparece explicada en detalle, “case de xeito enciclopédico”. Recóllense tamén infinidade de refráns, “moitos deles hoxe considerados machistas, pero que quería que aparecesen”, salientou o autor, quen fixo fincapé en que aparecen, “como non podía ser doutra maneira”, numerosos termos sexuais, “difíciles de conseguir pero que hai que pór porque é evidente que forman parte de nós” e outros relacionados co estado de ánimo, “algo que non sempre é doado describir”.

O proceso de recollida segue aberto e o autor pensa xa en futuras edicións de ebook ou electrónicas, “algo fundamental para poder difundilo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...