A vila de Ribadeo é o pobo máis popular da provincia de Lugo. Así o concluíu un estudo da plataforma dixital Musement, especializada na reserva de actividades, museos, espectáculos e eventos artísticos, que analizou as búsquedas en Google sobre os municipios de menos de 20.000 habitantes.
A celebridade da universal Praia das Catedrais, o monumento natural de Augas Santas, é un dos factores que pesan na popularidade de Ribadeo, segundo admite Musement, que con todo destaca máis valores da vila, como “os palacios do seu casco histórico e as casas indianas do barrio de San Roque“, que son “un símbolo da riqueza arquitectónica deste precioso pobo da comarca da Mariña Lucense“.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, celebrou nas redes sociais que “aínda que sexa virtualmente, seguimos sendo atractivos”.
As outras tres vilas galegas destacadas por Amusement son Allariz (Ourense), pola súa “espléndida” rehabilitación e urbanismo, premiado a nivel europeo no 1994; Cambados (Pontevedra), considerada como privilexiada para conciliar os intereses dos amantes da cultura e da enogastronomía, e Betanzos (A Coruña), a ‘Cidade dos Cabaleiros’, un núcleo medieval de “longa historia”, como demostra un casco histórico declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no 1970.