A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos realiza unha valoración moi positiva da campaña Tapeando con Acisa que finalizaba onte despois de cinco días de tapas especiais en 16 establecementos hostaleiros.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinala que “esta campaña que finalizaba onte, e que se desenvolveu durante 5 días coa participación de 16 establecementos, superou as expectativas que tiñamos. Facendo algunhas consultas, con establecementos participantes, facíannos chegar que esgotaran as tapas todos os días e mesmo nalgún momento non puideron atender a demanda.
Indicáronnos tamén que todos os días pedíanlles tapas, e que de forma xeral funcionou moi ben”. E engade: “desde Acisa estamos moi satisfeitos de como se desenvolveu. Cremos, e así nolo fixeron saber moitos locais, que acertamos tanto co formato de tapeo como coas datas, moitos nos comentaban que había clientes de Ribadeo e de fóra, que viñan facer un pequeno roteiro de tapas, o que quere dicir que conseguimos o obxectivo marcado. Por último, destacar tamén a excelencia, orixinalidade e a calidade das tapas elaboradas, algo que puidemos oír de clientes que saían dos locais participantes gratamente sorprendidos”.
Felicitación a Ou Lareira de Manolo O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, manifesta “sobre a calidade gastronómica precisamente quero, como presidente do colectivo e en nome da directiva e a asociación, felicitar a Ou Lareira de Manolo, polo recente recoñecemento que obtivo. Acaba de recibir en Xantar, en Ourense, o Premio Nacional de Gastronomía, Prato de Ouro, outorgado polo Comité Nacional de Radio Turismo, como recoñecemento á súa positiva presenza no sector hostaleiro no que desenvolve o seu traballo, polo cal obtivo tamén o título de restaurante recomendado”.
Para Iriarte Quintana “sen ningunha dúbida esta é unha mostra máis da excelencia da nosa gastronomía e dos nosos hostaleiros, nun ano no que xa foron varios os recoñecementos obtidos por diferentes restaurantes. Algo que en Acisa nos enorgullece, e que fai de Ribadeo un referente gastronómico”.
