O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, arroupou este sábado en Burela ao candidato do PP á alcaldía do municipio, Manuel Rouco.
Coa presencia da presidenta provincial do PP, Elena Candia, e do cabeza de listaxe dos populares ao Congreso dos Deputados por Lugo, Jaime de Olano, o mitin centrouse nas eleccións xerais. O responsable do Goberno autonómico chamou ao “voto útil” para dar “unha maioría ampla” ao Partido Popular “porque é o que precisa Galicia”.
Feijóo advertiu dos “riscos” de “entregar España, a través das mans de Pedro Sánchez, a nacionalistas e independentistas”.
No tocante a Burela, destacou o “compromiso” da Xunta coa “renovación integral do Hospital Público da Mariña, a nova escola infantil, o acceso ao porto, a reforma do colexio Virxe do Carme e a ampliación do porto co segundo martelo”.
Candia, pola súa parte, apelou á “unidade”, porque, segundo puxo de relevo, “votar ao PSOE é estar do lado dos que non buscan unha solución para Alcoa e retrasan a A-74. Con Sánchez, á nosa comarca só lle tocan as sobras”, afirmou.
O CONCELLO, “SEN FOLLA DE RUTA”
“Os burelaos saben que só o PP achega coherencia. Os burelaos sábeno ben. Ata 2015 este Concello tiña unha folla de ruta clara, que se traducía en investimentos e proxectos cuxos únicos destinatarios eran os veciños. Dende esa data, o que temos é un despropósito”, asegurou.
De Olano referiuse tamén a Alcoa para insistir na “preocupación” do PP “polo futuro da planta de San Cibrao”. O número 1 ao Congreso polos populares de Lugo asegurou que, de gobernar, Pablo Casado “retomará todos e cada un dos proxectos que Rajoy deixou encamiñados para A Mariña Lucense”.