Veiga pide ao BNG de Barreiros a concellería de asuntos sociais cunha dedicación exclusiva

Os nacionalistas afirman que "non hai ningunha porta pechada" e reivindican que a veciñanza "optou por un goberno distinto" ao darlles o maior número de votos

Carmen Veiga, terceira pola esquerda. AXM

Bloque Nacionalista Galego (BNG) e PSdeG-PSOE comezaron este luns as negociacións para a formación de goberno en Barreiros, despois de que nas pasadas eleccións municipais se producise un empate a cinco edís entre o Partido Popular (PP) e a formación nacionalista, a lista máis votada, e os socialistas quedasen cunha única acta que pode ser chave para constituír o executivo municipal.

Na primeira toma de contacto, a candidata á alcaldía, Ana Ermida; a responsable local da organización, Belén Fernández; e os membros do consello local e da candidatura, Xoán Manuel Díaz e Suso Díaz, participaron pola banda do BNG.

Polos socialistas estiveron nas conversas a alcaldable, Carmen Veiga; a representante na organización provincial, Mari Iglesias; o secretario de política municipal, Miguel Veiga; e o membro da candidatura José Antonio Otero Ramos.

Na xuntanza, o Bloque plantexou ao PSOE que apoiase a investidura dun goberno nacionalista en solitario e Veiga pediu como condición para a formación dun goberno en coalición unha concellería de asuntos sociais con dedicación exclusiva.

“A solicitude débese a que considero que a política local é a que permite un contacto máis directo e de proximidade coa veciñanza, e se estou nela é para facer esa axenda social, para coidar das persoas e solventar os seus problemas diarios“, argumenta a candidata socialista, que xustifica a petición dunha dedicación a tempo completo en que “para iso hai que estar no goberno”.

A agrupación local do BNG valorará esta noite a proposta da alcaldable socialista, á que emprazou para unha nova xuntanza con data por concretar.

CERCANÍA A NIVEL DE PROGRAMA

“Nesta reunión trasladámoslles o noso programa, que foi o máis votado pola veciñanza”, expón Ermida, “de cara a ver a súa disposición para apoiar un goberno do BNG ou ben para facilitar un do PP“. Veiga descartou a posibilidade de respaldar unha investidura dun executivo nacionalista en solitario.

A candidata do Bloque afirma que “puidemos ver que a nivel programático as diferenzas non son excesivas“, un punto que Veiga confirma. “As necesidades de Barreiros creo que son evidentes e as vemos todos”, sostén a socialista.

Ermida afirma que “non está pechada ningunha porta” e móstrase disposta a buscar, nunha segunda xuntanza, “un punto en común que sirva para cumprir cos nosos compromisos e beneficiar á veciñanza, que é para o que estamos aquí”. ”

A xente apostou por outro goberno distinto desde o momento no que outorgou ao BNG ser a lista máis votada”, salientou.

REUNIÓN CO PP

Respecto da reunión mantida co candidato do PP e rexedor en funcións, Alfonso Fuente Parga, Veiga argumentou que ve lonxe chegar a un acordo.

Sinalou que a conversa “non foi nin parecida” á mantida este luns “nin se abordou ningunha oferta concreta” e sostivo que ten “a cabeza” centrada nas conversas cos nacionalistas, aos que, con todo, non vai ceder “un cheque en branco”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here