EFE. O presidente da Deputación de Lugo en funcións, Darío Campos, asegurou este luns en declaracións a Efe, antes do último pleno do presente mandato -unha sesión extraordinaria que se celebrou ás 14.00 horas-, que deixa o cargo “coa cabeza moi alta” e sen facer ruído, embargado por un sentimento de “gratitude” cara a provincia e a “xente” que o acompañou nos últimos anos na institución.
“Marcho coa cabeza moi alta e sen facer ruído. É o máis importante”, dixo o alcalde da Pontenova, que mostrou o seu agradecemento “a toda a xente que coñecín na Deputación e á provincia, porque foi un pracer ser presidente da Deputación durante estes catro anos”.
Aínda que a súa saída da Deputación produciuse de xeito precipitado, asegurou que, “salvo algunha negativa”, as experiencias na vida “son sempre positivas, porque pase o que pase aprendes delas”.
“Nunca me vin en política ata que fun alcalde, e nunca me vin a min mesmo como presidente da Deputación, nin moito menos”, confesou Campos, quen sostivo que foi “unha experiencia vital dura“, pero recoñece que tamén aprendeu “moitas cousas. Non a olvidarei na vida”, concluíu.
O PLENO DE INVESTIDURA, O XOVES
O PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego (BNG), retomarán na tarde deste luns as negociacións para selar un acordo de goberno antes do próximo xoves, xornada para a que está convocada o pleno de investidura da institución provincial.
O deputado provincial electo do BNG Efrén Castro confirmou que o BNG aspira a formar goberno cos socialistas. Prevese que o alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, sexa investido presidente pola suma de dez deputados do PSOE, tres do BNG fronte a doce do grupo maioritario que volve ser o PP. Máis información en Lugo Xornal.