InicioCentralFozO Concello de Foz celebra o 25 aniversario da radio local que...

O Concello de Foz celebra o 25 aniversario da radio local que emitirá un programa especial o sábado

O alcalde, Fran Cajoto, e o concelleiro Carlos García aproveitaron para dar a coñecer que “en poucas semanas Radio Foz contará con emisión online a través da nova páxina web do Concello".

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz conmemora o 25 aniversario da emisora de radio municipal, que se cumpre neste mes de abril. Con este motivo Radio Foz estrea imaxe e emitirá un programa especial en directo este sábado, día 15, a partir das 11:30 horas desde a Festa do Berberecho, concretamente na carpa que se instala no peirao para este evento gastronómico.

A emisora de radio municipal de Foz foi posta en funcionamento polo Concello en 1998 por iniciativa do alcalde e do concelleiro de Cultura, José María García Rivera e Xaime Cancio Rodríguez, para que os veciños e veciñas da vila e das parroquias do concello tiveran información de primeira man sobre a actividade municipal e doutras novas de interese para os focegos.

Ademais de informativos, durante estes 25 anos en Radio Foz emitíronse programas culturais, sobre a emigración, musicais, deportivos e espazos como O alcalde responde.

A cobertura da radio municipal de Foz chega a boa parte da Mariña lucense e do Occidente asturiano, polo que esta emisora ofrece tamén información de ámbito comarcal e conta con moitos ouvintes de fóra do concello focego.

O concelleiro de Comunicación e Relacións Institucionais, Carlos García, destaca que “esta brillante traxectoria de Radio Foz durante 25 anos é posible grazas a gran profesionalidade do equipo de locutores e técnicos, aos que o pobo de Foz lles profesa un gran respecto e cariño, igual que a todos os colaboradores que pasaron pola emisora e desinteresadamente axudaron a facer a programación da casa das ondas de todos os focenses durante este cuarto de século”.

O alcalde, Fran Cajoto, e o concelleiro Carlos García aproveitaron a conmemoración deste 25 aniversario para dar a coñecer que “en poucas semanas Radio Foz contará con emisión online a través da nova páxina web do Concello, estendendo deste xeito o alcance da radio municipal a todos os fogares do concello e a todos os focegos que residen fóra”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...