InicioCulturaLuciano Ares: "os temas que trato son o galego e a defensa...

Luciano Ares: “os temas que trato son o galego e a defensa dos humildes”

Luciano Ares Díaz é un autor novo que presentou a semana pasada o seu libro "Patria de Maeloc", un conxunto de poemas e contos que foi traballando durante anos. Todo isto foi froito da insistencia dun veciño que lle dixera "tu escribe". Agora, anos despois e sendo veciño de Ames, perto de Santiago, Luciano presentou no seu Mondoñedo natal o libro despois de dez anos fóra.

Publicada o

- Advertisement -

-Que motivos te levaron a crear ‘A Patria de Maeloc’?

Tampouco che podo dicir, foi todo unha casualidade. Creara un grupo de Facebook para que publicasen outras persoas. Nese Facebook fun publicando pouco a pouco poesías. Agora seleccionei unhas cantas e reuninas no libro. Sobre os contos, teño un sobriño a quen lle escribín unhas historias sobre os seus cans. Todo coa idea de llos lese a súa nai. Logo, na editora confundiron como relato en verso un conxunto de poemas titulado “Historia de Quisca” e pediron que lles enviase máis. Acabei por enviar os contos sobre os cans e logo á parte o de “Guedellas”.

-Que persoas aportaban máis ao grupo de Facebook?

Hai un grupo grande de persoas que publican, non podería recordalos a todos. Agora a páxina xa é deles e mesmo se organizan para iren a recitais.

-Nalgunhas conversas que mantiven e por algún texto que me enviaron coñecín a figura de Hermes. Quen é esta persoa?

Hermes López Iglesias é un veciño co que coincidín un día nun bar, alí en Mondoñedo. Contoume que el escribía poesías e eu comenteille que pintaba, entón díxome: “déixate diso, ti fai poesías coma min”. A miña resposta foi “non, ho!”. Logo co paso do tempo deixei de pintar e quedei sen afección ningunha e así foi como empecei a escribir algo.

-Como foi o da túa afección pola pintura?

Durante un tempo estiven arranxando a miña casa porque estaba estragada. Cando xa tiven tempo, quixen facer algo creativo á parte do traballo. Non vin que se me dese ben, á parte que había un produto para limpar o óleo que me producía molestias. Aí foi cando me dixo Hermes que fixese poesías.

-Liches, seguiches algúns autores ou foi o mesmo Hermes quen te preparou como autor?

Non, daquela non seguía a ninguén, escribía como me saía. Logo fun publicando no xornal ‘Mondoñedo’ e creo que o Hermes segue publicando nel.

-Canto tempo che levou recoller todas as pezas que compoñen ‘A Patria de Maeloc’?

Comecei no 2020 e seguín até o 2022 que foi cando lles enviei os últimos contos.

-Envialo a editoras foi iniciativa túa ou algunha delas pedírache os teus traballos?

Enviara eu a varias editoras até que ao final Toxos Outos me contestou e deu a oportunidade. Mais tamén houbo persoas que me animaron a facelo.

-Cales son os principais temas que ocupan os teus traballos?

A defensa do galego, a defensa da xente humilde e dos pobres. Sobre todo o idioma. Non quero o pobo galego perda o orgullo de seu.

-Dixeches que non seguías autores ou autoras concretos. Con todo, tes lido autores que dalgunha maneira marcaron o teu estilo?

Si, teño lido poemas de Rosalía, Pondal e Añón, mais a min gústame ser orixinal. De neno mesmo aprendera de memoria “Adiós ríos, adiós fontes”.

-A túa vida escolar e profesional márcate como autodidacta.

Cheguei até o que daquela era C.O.U., mais deixeino e púxenme a traballar. Comecei na fábrica de Ecar en Mondoñedo, logo traballei como comercial nunha empresa de produtos veterinarios. En 2012 pechou a Ecar e trasladáronme a Finsa, en Santiago. Daquela decidinme a vir para Ames. As persoas que coñecín aquí foron as que me empurraron a facer o libro para publicalo.

-Tes idea de crear outro libro?

Gustaríame, si, mais é complicado. De momento confórmome con este.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...