Concello de Burela, Médicos Mundi e Urbaser colaboran nun proxecto de prevención da cegueira

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, lembrou que segundo a Organización Mundial da Saúde, a OMS, hai 285 millóns de persoas con discapacidade visual, dos que 39 millóns son cegos, unha condición evitable no 80% dos casos.


A Concellería de Medio Ambiente e Urbaser colaboran no Día Internacional da Visión con Médicos Mundi nun proxecto de saúde visual para a prevención da cegueira. Do 14 ao 19 de outubro instalarán un stand en diversos puntos da vila para recoller aquelas gafas que a poboación xa non utilice e así darlles unha segunda vida.

A edil de Medio Ambiente, Toñi Eijo, explicou que “o que perseguimos é darlle unha segunda vida a aquelas gafas que xa non empregamos e que temos esquecidas en calquera caixón das nosas casas para darlles unha segunda vida axudando ás persoas que máis o necesitan”.

A concelleira burelesa lembrou que segundo a Organización Mundial da Saúde, a OMS, hai 285 millóns de persoas con discapacidade visual, dos que 39 millóns son cegos, unha condición evitable no 80% dos casos. Ademais diso,  hai 246 millóns de persoas que sofren discapacidade visual severa ou moderada. “Por iso no noso compromiso co ODS 10, queremos colaborar no Día Internacional da Visión xunto a Médicos Mundi nun proxecto de saúde visual para a prevención da cegueira, #MisGafasTusGafas”.

Toñi Eijo subliñou que “aquelas persoas que queiran doar as súas gafas poderán facelo no stand que vai estar colocado en diferentes puntos da nosa vila de 10 a 14 horas e de 16:30 a 19:30″.

O stand estará o xoves, 14 de outubro, na Praza do Concello; o día 15 en Arcadio Pardiñas á altura do Gadis; o 18 en Rosalía de Castro, preto do Froiz; e o 19 de outubro na Praza da Mariña.

A concelleira de Medio Ambiente engadiu que “as gafas recollidas, despois de seren sometidas a un proceso de selección e clasificación, serán enviadas aos proxectos de saúde visual para a súa distribución entre a poboación afectada por cegueira principalmente en Marrocos, Burkina Faso e Guatemala”. Aquelas gafas que non sexan reutilizadas serán destruídas ecoloxicamente separando os diferentes compoñentes e procedendo á súa reciclaxe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here