IniciosociedadeEstética Marta: "limpar ben a pel é tan importante como tratala con...

Estética Marta: “limpar ben a pel é tan importante como tratala con cremas”

Marta Louzao é especialista en tratamentos faciais de problemas estéticos como marcas de acné, enrugas, manchas ou cicatrices

Publicada o

- Advertisement -

Abrimos a porta do Centro Estético Marta, no número 76 da Avenida Deputación, en Xove. O baixo que ocupa desde fai dous anos. Marta Louzao Gato abriu o negocio en 1988. “Noutro sitio, máis pequeno. Con só 18 anos. Máis por inconsciencia que outra cousa”, asegura entre risas. Acababa de rematar os estudos de estética en Santiago de Compostela.

“Era un momento moi distinto ao de hoxe. A estética mellorou moito. Pero sobre todo cambiou a forma de percibila. Hai trinta anos as mulleres non estaban emancipadas e menos nun sitio pequeno. Coidarse non estaba ben visto. Se alguén facía algún tratamento estético era case un segredo. Iso mudou coa evolución das mulleres”, reflexiona.

Que tratamentos e produtos ofrecedes en Centro Estético Marta?

O abano é enorme. Desde o coidado básico de uñas ou a depilación ata o microbladding ou outros tipos de maquillaxe semipermanente, pasando por todo tipo de tratamentos corporais. Pero creo que o que me distingue son os tratamentos faciais. É o que máis me gusta e no que máis formación teño.

Cal é a base dos tratamentos faciais?

Todo pasa por facer hixienes faciais e renovacións celulares con distintos productos en función do problema co que nos encontremos.

Traballo cunha casa alemana, Phyris, que ten moitos tratamentos e protocolos para peles con problemas dermatolóxicos como rosácea, cuperosis ou dermatite seborreica. Son tratamentos estéticos, non médicos, pero axudan a manter a pel a raia.

E logo están as cuestións puramente estéticas como as enrugas, a flacidez, as manchas ou as cicatrices. A base de moitos destes tratamentos son os ácidos, que eliminan a capa máis superficial da pel e estimulan a renovación celular.

“Nos tratamentos faciais todo pasa por hixienes e renovacións celulares con diferentes ácidos”

Un problema que encontro moi a miudo é o das manchas. A xente da miña xeración non nos protexiamos do sol na nosa xuventude. Non estabamos tan concienciados. A pel ten memoria e, a medida que cumprimos anos, van aparecendo manchas, que son consecuencias daquelas queimaduras. Para tratalas temos unha combinación de ácidos, glutatione, que aclara a pel.

Cando aplicas un ácido e sacas a capa máis superficial de células mortas, a pel está moi receptiva. É o momento no que poñemos o produto –principio activo puro– que cada quen necesite dependendo do problema e das características de cada pel. Para que penetre totalmente empregamos a electroporación,  un manípulo que altera a membrana celular e facilita a entrada do produto en profundidade.

Cal é o tratamento máis novidoso?

O BB Glow. Son uns viais que conteñen ácido hialurónico (un produto que hidrata moitísimo e non aporta graxa), vitamina B e un pigmento inócuo para a pel.  Aplícase cun dermopen, un aparello coa forma dun lapiz que leva unhas microagullas desbotables. Exfolia e abre os canais de hidratación de forma  que, despois,  o produto penetra moi ben.

O pigmento vai tinguindo a capa córnea e dalle á pel un tono uniforme. Faise en seis sesións. O efecto é similar ao de poñer unha bb cream, pero mantense durante catro meses.

Outra técnica que introducimos nos últimos meses é a electroacupuntura, que empregamos para tratar enrugas concretas e pronunciadas, rictus ou entrecellos moi marcados sobre todo.

A electroacupuntura estimula a zona, activa o músculo e consegue que a pel se eleve. Entonces a enruga desaparece. En estética, hai que ser constante nos tratamentos para ver resultados pero esta é unha das técnicas con resultados visibles máis espectaculares. Logo, como todo, necesita un mantemento.

Mencionabas ao inicio o microbladding. Fálanos desa técnica.

É, unha maquillaxe semipermanente de cellas. Emprégase para deseñar as cellas. Ao  mellor tes unha cella poboada pero corta ou estreita ou moi aberta no entrecello. Pois co microbladding  modificas a forma debuxando os pelos, literalmente. Son raias tan finas que parecen cellas auténticas. Á lupa, non distingues cales os propios e cales os debuxados. Queda moi natural e dura un ano.

“O microbladding permite deseñar e modificar a forma das cellas dunha maneira moi natural”

É o segredo das cellas anchas e definidas que están tan de moda. Quen marca as tendencias?

As blogger. Elas son os referentes tanto en moda como en estética e maquillaxe, sobre todo para as rapazas novas. Pero o microbladding non creo que vaia ser algo pasaxeiro. En estética hai cousas que se levan un ano porque son rompedoras, innovadoras, as uñas verdes, por exemplo. Pero as cousas que quedan clásicas e bonitas non deixan de levarse.

Seguindo co exemplo das uñas: a manicura francesa estivo de moda fai uns anos, xa non é de rabiosa actualidade, pero hai xente que a demanda porque que natural, discreta, deixa a man moi limpa. Un bo deseño de cellas (visaxismo) mellora a estética da cara de forma natural.

Como conseguides mantervos ao día?

As propias marcas adoitan darche formación. No noso caso, a firma coa que traballamos, Phiris, ten detrás unha estrutura moi potente. Sempre che ofrecen cursos para formarte. Temos que desprazarnos a Santiago ou a Oviedo pero a maioría das veces fanos na fin de semana.

Ademais, agora temos Internet e as redes sociais, que son unha ferramenta importante para acceder a información. Dunha ou doutra maneira, se estás metido no mundo da estética, é fácil que che cheguen as novidades.

Ao comezar dicías que o concepto da estética mudou moito en trinta anos. En que sentido?

Nun principio fundamental: para tratar a pel o primeiro que hai que facer é quitar. Iso agora está moi claro. Calquera tratamento empeza por eliminar células mortas, acelerar a pel, poñela viva e, desde que está afinada e receptiva, aplicar o produto.

“Para tratar a pel o primeiro que temos que facer é limpala e eliminar as células mortas”

Iso tamén vale para os coidados na casa?

É fundamental. O de limparse na casa con leite tónico está obsoleto. Todas as casas que teñen detrás un laboratorio potente recomendan lavar a cara con un xabrón facial. Incidir máis en limpiar que en tratar.

Encontramos moitas peles saturadas de cremas que poden ser moi eficaces pero que non conseguen facer a súa función porque non penetran a pel. Nos vendemos un peeling enzimático de uso diario para conseguir unha boa limpeza.

Como detectas as necesidades de cada pel?

Facemos diagnósticos gratuítos. Para recomendar un produto ou tratamento a unha clienta, necesito vela na cabina. Limpar a pel, exfoliala e, cando a pel so teña auga, ver se ten algún problema. Moitas veces necesitamos menos do que pensamos, por iso que che decía anteriormente, non temos que saturar a pel de cremas.

Nese sentido, algo moi importante é a textura da crema que utilicemos. Nos temos os produtos en catro texturas diferentes, con diferentes densidades. Hai que buscar a adecuada para que a pel a absorba.

Que é a radiofrecuencia?

É unha metodoloxía que leva moito tempo no mercado pero como tratamento reafirmante aínda non se descubriu nada mellor. Fixa o propio coláxeno e fai que a pel se vexa máis tersa.

“A radiofrecuencia é o mellor tratamento reafirmante que se coñece”

A nosa aparataxe tamén nos permite completar a radiofrecuencia con electroporación que, como che comentaba antes, altera a membrana celular e fai que os produtos penetren mellor a pel.

Emprégase tanto en tratamentos faciais como corporais?

Si, ten dous manípulos para facer diferentes funcións. En tratamentos corporais usamos a radiofrecuencia para reafirmar pero tamén para reducir os nódulos de graxa nodulos de graxa.

Combinámola con presoterapia, unha máquina que fai unha masaxe mecánica e axuda a eliminar esa graxa.

Canto podemos reducir o peso ou o volume con esas técnicas?

As expectativas teñen que ser moderadas. Como sempre digo, o que se fai en estética é diesel non gasolina. Necesitas constancia e tempo. A calidade da pel á vista mellora moi rápido, tanto en facial como en corporal. Ao mirarte, veste mellor.

Pero para reducir tallas hai que comer san e ir andar. A radiofrecuencia é unha axuda. Temos bonos de dez sesións e melloras pero na maioría dos casos necesitas dous.

Aumenta a clientela polo verán?

As épocas mais fortes son primavera e outono. No verán son coidados máis básicos: pedicuras, manicuras, depilacións. Son traballos menos técnicos, que levan menos tempo. A axenda está completa pero é máis flexible.

“As épocas máis fortes son a primavera e o outono. O oitenta por cento da clientela do salón é fixa”

En trinta anos sempre hai xente que empeza, que ben probar de novo porque escoitou falar de ti, pero a clientela fixa debe supoñer máis do oitenta por cento. Xente fidelizada de toda a vida.

É facil manter a fidelidade? Porque a oferta aumenta..

A min non me resulta dificil. Creo que me queren moito (risas). Teño clientas que empezaron a vir coas mamás e agora veñen elas.  Nese aspecto, ás clientas so podo darlles as grazas.

Tamén é certo que como son bastante inquieta sempre teño algo novo que ofrecer. Porque me gusta moito este mundo. Que haxa máis oferta, que se fale de estética, que saian novidades, sempre é bo. Iso fai que a xente comente, veña e consulte.

Atendedes moitos homes?

Si, pero para depilacióins máis que para tratamentos faciais ou corporais. Tamén facemos laser e temos moitos clientes.

Hai demanda de emprego en estética? Que precisa unha boa ou un bo esteticista?

É un sector complicado nese sentido. Non só hai que estar ben formado e traballar ben, que é fundamental,  tamén debes ter empatía. Este traballo é delicado. Podes estar cunha persoa na cabina dúas horas. Ten que haber química. Téñense que dar moitas circunstancias para que o tratamento, que é efectivo, sexa tamén agradable e  cómodo.

De feito, cando unha de nos se vai de vacacións, queda a outra soa, coa axenda toledana. Non collemos outra persoa.

“As redes sociais supuxeron un antes e un despois para o negocio. A xente ve algo publicado e ven preguntar”

Que importancia lles das as redes sociais para proxectar o negocio?

Toda. Agora mesmos estamos moitas horas no ordenador, co teléfono, coa tablet, accedendo a información á que, doutra maneira, non chegarías. É certo que non sempre a información que recibes ten rigor pero se tes un coñecemento mínimo logo comentas e preguntas. No meu salón de beleza, houbo un antes e un despois. Cando ve algo publicado, ven e pregunta. Para min é unha ferramenta importantísima. De cara as clientas e tamén de cara ás posibles clientas. Chegas a xente nova.

Tamén lle das importancia ao idioma no que te comunicas.

Si, sempre en galego. Por unha razón moi sinxela. É como mellor me comunico. Sei falar castelán pero á clientela teño que chegarlle sincera e sincera de todo só son en galego. Para min é un sinal de identidade e transládoo tamén ao profesional.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...