Denuncian derivacións a Lugo ao faltar camas pola “mala planificación” da ampliación do hospital

A CIG alerta de alomenos tres pacientes trasladados e o Sergas afirma que estes doentes tiñan que realizar probas no HULA

Habitación no edificio novo do hospital. AXM

A CIG Saúde denunciou este martes que se están a producir derivacións de pacientes da bisbarra a Lugo por mor de falta de camas, unha carencia que a central nacionalista achaca a unha “mala planificación” na ampliación do Hospital Público da Mariña.

O sindicato asegura que alomenos tres persoas foron ingresadas no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) como consecuencia do protocolo de derivación polo peche de 60 camas, 30 na planta de hospitalización de traumatoloxía e outras tantas na de cirurxía.

DE 60 A 48 CAMAS

Actualmente, o novo edificio do hospital ofrece un servizo de 48 camas nestas dúas especialidades, 24 por cada unha delas.

A central nacionalista culpa á xerente do hospital, María José Cortés Canay, de deseñar este plan “xustamente no momento do ano de maior ocupación a causa das patoloxías propias desta época”.

A CENTRAL ACUSA Á XERENCIA DE APLICAR O NOVO PROTOCOLO “NO MOMENTO DE MAIOR OCUPACIÓN DE TODO O ANO”

A CIG expón que o Hospital da Mariña, “que viña mantendo unha ocupación do 100%, conta a día de hoxe con menos camas de hospitalización, o que está a provocar o ingreso de adultos en pediatría e de pacientes doutras especialidades en obstetricia, sen que iso implicara un reforzo do persoal destas unidades”.

O sindicato critica á xerencia do hospital por non dispor a reforma “en dúas fases, unha por cada planta de hospitalización, para manter sempre 30 camas a maiores operativas”.

Segundo afirma a central nacionalista, as derivacións continuarán “cando menos até o verán de 2019”, o que afectará “á veciñanza, que terá que asumir os gastos de verse obrigada a ingresar no HULA, coma viaxes, manutención ou aloxamento”. Así, o sindicato insta á xerencia a solucionar esta situación.

O SINDICATO AFIRMA QUE OS TRASLADOS “DURARÁN ATE O VERÁN DE 2019” E “A VECIÑANZA TERÁ QUE ASUMIR GASTOS DE ALOXAMENTO”

O SERGAS: “É TEMPORAL”

Pola súa banda, fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) aseguran que as obras foron planificadas “para evitar as menores molestias posibles” e que se tivo en conta a posibilidade de facelas por tramos, unha “solución que non era viable”.

O Sergas confirma que a redución de camas no tempo que duren as obras “é de doce”, unha situación que, subliña, “é temporal, porque a ampliación vai supoñer gañar capacidade de hospitalización”.

O SERGAS SOSTÉN QUE AS OBRAS FORON PLANIFICADAS “PARA EVITAR AS MENORES MOLESTIAS POSIBLES”

As mesmas fontes argumentan que a xerencia fixo “unha exhaustiva selección dos pacientes” que son trasladados ao HULA, baseada en cuestións como que os doentes requerisen facer dunha proba neste centro hospitalario.

O Servizo Galego de Saúde afirma que a ampliación do ampliación do hospital “é un feito decisivo para A Mariña, e para iso é preciso facer obras que ás veces xeran molestias”.

Tralo traslado dos pacientes do hospital de día oncohematolóxico, a xerencia prevé que o vindeiro luns podan comezar as consultas no edificio novo do centro hospitalario.

A XUNTA DE PERSOAL VE UN ATAQUE Á LIBERDADE SINDICAL OS REPETIDOS DANOS A UNHA PANCARTA CONTRA A SUPRESIÓN DA ÁREA SANITARIA

DENUNCIA DA XUNTA DE PERSOAL

Por outra banda, a Xunta de Persoal do Hospital Público da Mariña presentou este martes unha denuncia ante a Garda Civil por repetidos e intencionados danos a unha pancarta contra a supresión da área sanitaria que colgaba da varanda do centro hospitalario.

A pancarta, rota en ambos lados. AXM

O organismo de representación dos traballadores sinala que o pasado día 4 de decembro o cartel foi cortado por varios puntos, e tras arranxalo apareceu rachado de novo este martes.

Así, a Xunta de Persoal advirte de que “non calaremos ante a represión” e decidiu presentar unha demanda contra o que considera un “atentado contra a liberdade sindical”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here