Unha moza de 25 anos tivo que ser trasladada ao Hospital Público da Mariña ao resultar ferida tras chocar o seu coche contra un autobús e saírse da estrada en Xove.
Segundo informan fontes do 112 Galicia, o accidente ocorreu na mañá deste martes na vía LU-862, que conecta Xove coa parroquia de Lago, á altura dunha estación de servizo. Eran as 9.00 horas cando un particular chamaba á central de emerxencias para informar do ocorrido.
O 112 activou un operativo para desprazar ata o punto os bombeiros de Viveiro, o GES de Cervo, a Garda Civil de Tráfico e o 061-Urxencias Sanitarias. Estes últimos servizos médicos foron os encargados de trasladar a moza en ambulancia de soporte vital básico ata o Hospital da Costa, en Burela.