O alcalde, Fernando Suárez, vén de dirixir escritos aos Consellos de Administración de Altri e da Empresa Pública Galega, que está a desenvolver este proxecto estratéxico, para que teñan en conta a Ribadeo para a súa implantación na Mariña. O rexedor alude á capacidade do polígono industrial, á súa proximidade coa A-8, co porto comercial ribadense e coa liña “do esmorecido tren de Feve, polo que podería constituír un aliciente para o seu rexurdimento”.
Fernando Suárez declarou que “non sabemos a día de hoxe se isto vai quedar nun globo sonda ou se realmente é unha aposta firme e coordinada entre os gobernos do Estado e da Xunta para asignar unha parte importante destes fondos NextGeneration”.
O rexedor ribadense dixo que “desde Ribadeo nin queremos nin imos entrar en competencia con ninguén. No caso de que este proxecto sexa realidade cremos que o importante é que veña para a nosa comarca, para A Mariña”, aínda que sinalou que a comarca é ampla e dispón de posibles emprazamentos.
Suárez Barcia subliñou que “posuímos un moderno polígono industrial que está ao 20% da súa capacidade, o que deixa libre unha dimensión importante para acoller total ou parcialmente este novo conglomerado industrial”. Suárez lembra que por emprazamento e por comunicación está en contacto con redes como pode ser a A-8 e pola proximidade ao porto comercial para dar entrada e saída ás materias primas e produtos elaborados.
O alcalde de Ribadeo engadiu: “é polo que vimos de dirixirnos aos responsables dos Consellos de Administración da empresa Altri, que está en Portugal, e máis tamén ao da Empresa Pública Galega, que está a desenvolver estes proxectos estratéxicos“