Que é XdM?

Cun centro punteiro no sector do aluminio, dous dos portos máis activos do Cantábrico e un singular atractivo turístico, A Mariña Lucense ten potencial para converterse nunha das bisbarras máis puxantes de Galicia. Malia confluír na zona concellos do litoral e do interior, os mariñaos teñen unha plena consciencia de comarca, afirmada por factores como a atención sanitaria no Hospital da Costa ou unhas comunicacións deficitarias. Para esas persoas, e tamén para aquelas que viven lonxe da súa terra sen esquecerse dela, nace o Xornal da Mariña, un diario dixital que tamén prestará atención ao que ocorra no occidente asturiano.

Abordará a actualidade política, económica, cultural, deportiva e social desta zona e prestará especial atención aos movementos sociais, ao medio ambiente e ao patrimonio. Ademais, será o primeiro medio galego, desde a época do precursor Vieiros, en informar sobre o que acontece nas zonas galegofalantes da comarca do Eo, un espazo cultural, social e económico que sempre estivo moi vinculado coa provincia de Lugo.

Ademais, este novo medio informará do resto da provincia grazas ás novas que lle achegarán o outros dous medios do grupo, Lugo Xornal, que informará sobre as comarcas do centro da provincia e Xornal de Lemos, que informará da zona sur.

Xornal da Mariña nace da man de Xornal de Lugo, S.L., e estará asociado a GC (www.galiciaconfidencial.com), o principal medio dixital en galego e un dos máis importantes no panorama mediático de Galicia, que lle dará soporte informativo, comercial e técnico. Todos os medios contan cun acordo para intercambiar información e publicidade.

Este medio está dirixido por Xurso Salgado e conta coa colaboración de Moncho Mariño.