Cun centro punteiro no sector do aluminio, dous dos portos máis activos do Cantábrico e un singular atractivo turístico, A Mariña Lucense ten potencial para converterse nunha das bisbarras máis puxantes de Galicia. Malia confluír na zona concellos do litoral e do interior, os mariñaos teñen unha plena consciencia de comarca, afirmada por factores como a atención sanitaria no Hospital da Costa ou unhas comunicacións deficitarias. Para esas persoas, e tamén para aquelas que viven lonxe da súa terra sen esquecerse dela, nace o A Mariña Xornal.
A MariXornal aborda a actualidade política, económica, cultural, deportiva e social desta zona e presta especial atención aos movementos sociais, ao medio ambiente e ao patrimonio. Ademais, é o primeiro medio galego, desde a época do precursor Vieiros, en informar sobre o que acontece nas zonas galegofalantes da comarca do Eo, un espazo cultural, social e económico que sempre estivo moi vinculado coa provincia de Lugo.