InicioCulturaErika Gomes Mendes: "Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían...

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

Erika Gomes Mendes é unha estudante de lingua portuguesa na Universidade de Santiago. Realizou un traballo sobre a integración da comunidade caboverdiana en Burela e o seu nivel de convivencia co resto da cidadanía burelesa. Este traballo demostrou que pouco a pouco as dúas comunidades se van achegando mais aínda queda un camiño longo por percorrer.

Publicada o

- Advertisement -

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país?

Cheguei a Burela en 2017 e en xaneiro dese mesmo ano comecei a estudar no instituto. Alí entrei no grupo GAE para estudantes estranxeiros, para o outro ano xa estaba no segundo curso do GAE. Este grupo era equivalente ao 1º da ESO e así cando finalicei o GAE entrei en 2º da ESO onde fixen o PMAR (Programa de Mellora Aprendizaxe e Rendemento). Despois continuei até finalizar 2º de Bacharelato.

-Logo fixeches a selectividade, mais cal foi a reacción da túa familia cando lles dixeches que querías facer unha carreira?

Meu pai sempre dixo que se queriamos estudar el axudarianos até onde puidese. Daquela eu respondín que seguiría estudando.

-Cal é a carreira que cursas agora mesmo?

Estou estudando linguas modernas e mestrado en portugués. Elixín esta carreira porque o portugués é miña lingua e aquí aproveitarei para indagar máis na literatura do meu país.

-Fixeches un traballo sobre a integración da comunidade caboverdiana en Burela. En que consistiu este traballo?

Este curso tiñamos unha cadeira chamada “Galicia-Lusofonía” que trataba basicamente as relacións entre Portugal e Galicia. Logo había un apartado dedicado a PALOP (Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa) e Brasil. Cando nos entregaron o programa xa o primeiro día, eu sabía que faría algo relacionado con Burela e Cabo Verde. Baseeime nas relacións antes e despois da emigración, pois eu queria coñecer se os caboverdianos antes de emigrar aquí coñecían algo sobre Galicia e o galego e despois coñecer como é o estado da relación unha vez xa emigrados.

-Que coñecementos tiñan os caboverdianos antes de chegar a Galicia?

Moi poucos. Houbo poucas respostas afirmativas cando preguntei se antes de viren tiñan oído falar da Galiza, e dezaoito persoas de setenta e cinco que respostaron o cuestionario dixeran que si, a maioría dixeron que non. Sobre a lingua galega só catro persoas dixeron que si, os demais deron resposta negativa, practicamente un coñecemento nulo.

-Como viches despois a integración e a vida das persoas caboverdianas en Burela cando xa se asentaron?

A maioría das respostas foron positivas. Dixeron que fora doado adaptarse porque a lingua era parecida, era case que igual. A caboverdiana é a comunidade onde hai un maior grao de integración en Burela. Tamén preguntei se se senten máis galegos ou caboverdianos. A maioría dicían caboverdiano, mais un 40% dicía sentirse galego e caboverdiano ao mesmo tempo. Responderon 18 persoas menores de idade, 42 entre 18 e 25 anos, 14 persoas de 30 a 40 anos e seis persoas maiores de 40.

-Cal foi o percorrido deste traballo desde o primeiro momento até a presentación?

Era un traballo obrigatorio. Nun primeiro momento o profesor foi escéptico mais logo veu o número de respostas e dixo que non esperaba un número así de alto.

-Cres que ten algunha aplicación práctica o teu traballo?

Si, penso que pode ter potencial para investigacións máis amplas nun futuro.

-Dentro dos teus estudos universitarios cales son os elementos que máis chaman a túa atención ou interese?

Son as cadeiras relacionadas con Portugal mais sobre todo as relacionadas con Cabo Verde. Hai unha cadeira este ano que se chama cultura de PALOP coa que estamos a entrar en países africanos en lingua portuguesa.

ÚLTIMAS

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...

Rescatan unha muller que caeu por un cantil en Foz

Efectivos dos Bombeiros de Barreiros rescataron na tarde deste xoves unha muller que caeu...