Concello de Ribadeo e Lugo Madera asinaron hoxe o convenio que servirá para controlar de xeito exhaustivo as cortas de madeira no monte e os danos que se ocasionen nos camiños municipais. No acto participaron o alcalde, Daniel Vega, e Mari Carmen Gayoso, presidenta de Lugo Madera.
O rexedor explicou que “hoxe damos inicio ao convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ribadeo e Lugo Madera para poñerlle fin á dificultade constante que tiñamos á hora de resolver cando un camiño se destrozaba por causa da saca de madeira. Non sabiamos a ciencia certa si había unha empresa sacando madeira do monte, tiñamos complicado a maneira de actuar, observabamos que había moito tempo que non se depositaban as fianzas e parecíanos que era moi complicado seguir así”.
Vega dixo que “había moitos camiños aos que non se lles daba solución e iso que estabamos esixindo que se cumprira a ordenanza. Isto non se garantía. ¿Cal é a solución? Evidentemente o pacto, o entendemento e puxémonos en contacto con Lugo Madera, quixemos conveniar para poñerlle solución a estes problemas. Todos os socios, que son practicamente todos os madeiristas da provincia de Lugo, van ter un cumprimento estrito da normativa, é dicir si sacas a madeira e destrozas un camiño, Lugo Madera é o responsable de arranxalo e a maiores diso imos ter unha app, que nos garantirá que imos saber perfectamente cando hai un madeirista nun punto concreto do noso concello sacando madeira”.
Para o alcalde ribadense “damos un salto cualitativo, especializámonos máis, resolvemos máis rápido, e cuantitativo porque non temos os trámites atrasados, non haberá unha burocracia absurda e farragosa, senón que lle poñemos solución rápida”.
Daniel Vega indicou que “aqueles que non sexan socios de Lugo Madera van ter que seguir depositando a fianza no Concello e teremos que controlar e poñerlle solución”.
E engadiu: “o importante hoxe é menos burocracia e máis solucións para que os camiños non sigan destrozados, como os encontramos cando chegamos a este goberno municipal, porque non había unha normativa clara. Non se estaba a cumprir coa normativa, porque non se estaban depositando moitas fianzas. A iso púxose fin e agora comeza un novo tempo, onde cumpriremos coa normativa, colaborando entre todos e poñéndolle solución a un problema, que non tiñamos que seguir con el”.